28-M

O PP espera contar co apoio de ACIP para gobernar Ponteareas en maioría

Nava Castro non descarta gobernar Ponteareas en minoría. 
Nava Castro, candidata polo PP, exercendo o seu dereito a voto este domingo en Ponteareas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Nava Castro, candidata polo PP, exercendo o seu dereito a voto este domingo en Ponteareas. (Foto: Nós Diario)

A cabeza de lista do PP en Ponteareas nas eleccións municipais deste pasado domingo, Nava Castro, espera contar co apoio de Alternativa Cidadá (ACIP) para gobernar neste municipio do Condado en maioría, aínda que asegura que o fará en minoría de non producirse ese pacto.

Castro mostrouse esta segunda feira satisfeita dos resultados conseguidos pola súa formación, após obter sete das 21 actas do Concello, sendo a primeira forza política. "Reflicten que a xente quere un cambio, quere ‘resetear’. As urnas falaron de forma clara", reivindicou.

Nava Castro agradeceu aos cidadáns e ás cidadáns a confianza na lista do PP. Tamén mostrou o seu orgullo polo traballo realizado por todo o seu equipo e polos simpatizantes do partido.

A pesar de que asegurou que aínda non falou con Juan Carlos González, líder de ACIP, insistiu en que como lista máis votada correspóndelle intentar formar unha maioría, que espera conseguir con el. Con todo, non descarta ser alcaldesa en minoría de non producirse este acordo.

O PP conseguiu sete actas nas eleccións locais deste domingo, subindo dous, mentres que o BNG quedou con seis, caendo tres, e o PSdeG fíxose con dúas, perdendo unha. Pola súa banda, ACIP obtivo catro, o que lle permitiría formar maioría co PP, ao sumar 11 entre as dúas formacións.

Comentarios