PP e PSOE queren reformar de novo o regulamento do voto exterior

Após a baixa participación nos comicios do 21-O as dúas forzas políticas máis votadas defenden a reforma da lei electoral para pór fin ao voto rogado no exterior cuxa entrada en vigor data do pasado ano.
Feijóo e Rajoy
photo_camera Feijóo e Rajoy

Os datos de participación no voto exterior --só o 3,25% das persoas censadas-- foi, segundo a voceira de Emigración do PSde-G, Marisol Soneira unha mostra da "imposibilidade física dos censados no exterior para exerceren o seu dereito constitucional". A socialista botaba así a culpa da baixa participación electoral d@s galeg@s no exterior á norma que entraba en vigor o pasado 2011, pola cal calquera persoa emigrada con dereito a voto debía solicitalo previamente.

A lei, que foi aprobada co visto e prace das dúas forzas políticas con maior representación parlamentar --PP e PSOE-- sería agora obxecto de nova reforma perante os escasos resultados que lles deu nas primeiras eleccións en que se aplicaba, ao entenderen, din, que coarta o exercicio dun dereito fundamental. Neste sentido, PSOE e PP amosaron a súa disposición para mudaren de novo a normativa e eliminar o voto rogado, como amosaron as palabras do presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, na súa visita á Arxentina para tomar parte do "xantar da vitoria", que o seu partido no exterior organiza após a celebración dos comicios.

Soneira, aseguraba nunhas declaracións que a nova lei --que o seu partido apoiara mais "con reticencias por parte das federacións galega e asturiana-- non outorgaba garantías e tildábaa de "terceiromundista". Segundo a responsábel de Emigración d@s socialistas, as papeletas fican 15 días no consulado "sen que ninguén as custodie entrementres debemos concienciarnos de que todo o mundo é bo".

Malia que o Partido Popular, a través do seu voceiro, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou estar disposto a modificaren a lei, para Marisol Soneira non é suficiente, "o PP non fai máis que darlle mil voltas", aseveraba, pois discrepan na fórmula que defenden @s socialistas ao entender que exixiría dunha modificación constitucional. Porén, @s populares propoñen equiparar o voto exterior co de residentes ausentes de maneira que este sexa recibido por correo sen necesidade de o solicitar por adiantado.

"Volverán votar os mortos"
Para o BNG, a proposta de PSdeG e PP é "inaudita", asegura Tereixa Paz, deputada electa nas pasadas eleccións pola circunscrición de Ourense. Á nacionalista sorpréndelle que tan só un ano despois de ser aprobada a nova lei, os dous partidos políticos pulen por unha nova modificación desta ao abeiro dos resultados obtidos nos comicios do 21-O. Segundo o BNG, a proposta defendida por PP e PSOE quere volver "aos tempos en que votaban os mortos". Aliás, a deputada nacionalista advertiu que calquera modificación na normativa que regula o voto exterior "debería ir acompañada doutra lei electoral galega" pois, entrementres PP e PSOE se afanan por "garantir o voto das persoas emigradas", asegurou Paz, "aquí non resolveron o dos mariñeiros embarcados", sentenciou.

Comentarios