PP e PSOE pactan as reformas da administración local

Os dous partidos maioritarios no Estado español alcanzan un acordo para modificaren a Lei de Bases do Réxime local. Entre as principais reformas atópase a supresión das mancomunidades, a redución do número de edís nas corporacións municipais e o recorte nos soldos das alcaldías. O pacto entre PP e PSOE non modificará ningún aspecto das deputacións provinciais que mesmo poderían saír reforzadas nalgúns casos.
Pérez Rubalcaba e Rajoy en Moncloa
photo_camera Pérez Rubalcaba e Rajoy en Moncloa

Como xa acontecera en diversas ocasións ao longo da pasada lexislatura, os dous partidos maioritarios no Congreso español, aprobarán novas reformas pola vía do acordo. Ao igual que a reforma da Constitución mediante a cal se estabelecía --con rango consititucional-- a prioridade de pagamento da débeda fronte a implementación de políticas sociais, PP e PSOE, pactan máis unha vez e reformarán de maneira conxunta a Lei de Bases do Réxime Local. Así o adiantaba esta cuarta feira unha cadea de radio española que avanzaba, asemade, algúns dos puntos que compoñen o acordo entre ambos os dous partidos.

PP e PSOE chegan a un acordo para a reforma da lei de réxime local de igual xeito que o fixeran coa reforma da Constitución

Neste senso, socialistas e populares pactaron ao longo das últimas semanas de 2012, os trazos fundamentais dunha nova norma que mudará mesmo os ámbitos competenciais municipais co obxectivo, aseguraban fontes do goberno español, de clarificaren "as competencias de ámbito local" e evitaren "duplicidades". O executivo liderado por Mariano Rajoy prevé aplicar un aforro de 3.500 millóns de euros a través da supresión dalgunhas das súas funcións á fin de cumprir cos obxectivos de déficit exixidos en Madrid e Bruxelas.

Centralización de interventor@s, secretarías e tesourerías
O pacto entre PP e PSOE devolve ao Estado o control dalgúns dos cartos que outrora foran transferidos ás corporacións municipais. Así pois, a nova Lei de Bases do Réxime local prevé ampliar a capacidade competencial dalgunhas destar persoas, nomeadamente das interventoras, que mesmo poderán prohibir o desenvolvemento daqueles investimentos que após a reforma fiquen fóra das competencias municipais. Desta maneira, o Estado resérvase o control das contas públicas dos concellos, ao tempo que fixará uns "parámetros de calidade" por debaixo dos cales os municipios non poderán prestar determinados servizos sociais. Os concellos que baixo esta premisa non superen os 20.000 habitantes, perderán as devanditas funcións en favor das deputacións provinciais que fican así reforzadas.

A nova norma non modifica as deputacións provinciais que mesmo sairán reforzadas nalgúns casos

Malia que nas bancadas socialistas, durante a campaña electoral, defenderan a necesidade de suprimírense estes órganos provinciais, o pacto co Partido Popular non supón modificación algunha para as deputacións, que mesmo poderán ampliar as súas competencias en detrimento dos concellos.

Supresión das mancomunidades
Socialistas e populares concordaron en que os órganos mancomunados que existen en múltiples concellos deben ser eliminados, pois ao seu entender "proliferaron" nos últimos anos até chegaren a un milleiro nos últimos anos. Esta medida, bate de fronte coa proposta do goberno galego feita pública após a investidura de Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galiza. O líder d@s populares galeg@s aseguraba que o seu goberno "premiará" aqueles municipios que aposten pola oferta de servizos mancomunados e estabelecesen "alianzas" entre concellos co obxectivo dun investimento local máis racionalizado. «Agora que tanto se fala da viabailidade dos concellos, é lóxico apostar pola unión de esforzos á hora de dar servizos», aseveraba o vice-presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, nun acto público.

Aliás, a reforma pactada entre os dous partidos políticos prevé a redución dos soldos percibidos desde as alcaldías e daquelas concellarías desenvolvidas en exclusividade. Porén, a nova norma contempla a redución do número de edís.

Comentarios