A FORMACIóN CONSERVADORA NéGASE A QUE RAJOY COMPAREZA NA CáMARA

O PP, disposto a levar a nova lei eleitoral en setembro ao Congreso

A oposición pide a Rajoy que compareza no Congreso para que explique o que cualifica de pucheirazo. Como era de prever, o PP di que non a esa comparecencia. A nova lei eleitoral “quizá” entrará na Cámara a principios de setembro, afirmou o portavoz conservador, Pedro Gómez de la Serna.


Rajoy non irá ao Congreso porque non ten nada que explicar e porque en realidade non se ten producido ningún debate aberto no seo do PP a este respeito, argumentan desde a formación conservadora para negar a comparecencia do seu líder. En realidade, si que hai un debate aberto e aínda non inteiramente resolvido. E non só no partido, tamén na dereita mediática se está a producir unha seria discusión a este respeito, con algúns artigos críticos coa reforma.

Segundo fontes do PP, a nova lei eleitoral consistiría en que nas eleccións municipais o partido máis votado obtería a maioría absoluta de forma automática sempre e cando obtivese no mínimo un 40 por cento do voto e conseguise unha vantaxe de máis de 5 pontos sobre o segundo partido.

É obvio que o PP promove esta reforma porque coa actual lei o previsíbel é que perdería a parte do león do seu poder municipal, e nomeadamente cidades chave para o partido como Madrid ou Valencia. Na Galiza o PP ten en risco as cidades que goberna (Ferrol, A Coruña, Santiago).

Mal momento do PSOE

Os estrategas do PP contan, alén do máis, coa fragmentación do voto no campo da esquerda política española, agudizada pola irrupción de Podemos. O mal momento eleitoral do PSOE -nos territorios de predominancia conservadora en moi poucos concellos o partido que agora lidera Pedro Sánchez tería opcións de estar a menos de 5 pontos do PP- completaría a xogada.

O PP mantén a linguaxe da negociación. Aliás, seu portavoz dixo que a formación conservadora está aberta a discutir os termos da reforma, cando a leve ao Congreso, “quizá” en setembro. 

A oposición critica a reforma en bloco, por considerar que o PP prepara unha lei feita á medida dos seus intereses partidistas.

Comentarios