O PP dille non no Parlamento ao Plan Retorna do BNG para a volta da mocidade emigrada

O Plan Retorna do BNG bateu esta terza feira contra as rochas dos 41 escanos do Partido Popular. A formación soberanista propuña destinar o 1 por cento dos orzamentos da Xunta a políticas encamiñadas a facilitar o retorno a Galiza da mocidade emigrada, un drama social provocado na inmensa maioría dos casos por razóns propias dun exilio económico.

Olalla Rodil defende o PLan Retorna para a volta da  mocidade emigrada
photo_camera Olalla Rodil, durante o Pleno

Por todo argumento para xustificar o voto en contra da proposición non de lei do BNG, defendida por Olalla Rodil, o PP sustentou a tese de que desde o goberno galego xa se están a tomar medidas para facilitar o retorno das mozas e dos mozos que apañaron as malas na procura de oportunidades que o mercado laboral lles nega na Galiza.

Os dados son verdadeiramente desoladores e deles botou man Rodil na súa intervención para ilustrar un éxodo de proporcións masivas. Segundo as cifras do Instituto Galego de Estatística, desde 2009 emigraron do noso país máis de 207.000 persoas, 89.000 das cais entre os 16 e os 35 anos.

A consecuencia é o avellentamento da populación do país, até o ponto de que en apenas catro anos, os comprendidos entre 2012 e 2016, o número de mozas e mozos menores de 35 anos desceu en case 100 mil ao pasarse dos 952.937 aos 848.764.

En apenas catro anos, os comprendidos entre 2012 e 2016, o número de mozas e mozos menores de 35 anos desceu en case 100 mil ao pasarse dos 952.937 aos 848.764

Para facer fronte a esta realidade, o BNG propuña, no Plan Retorna, un feixe de medidas con vistas a facilitar a emancipación das persoas retornadas cun fondo de vivenda en aluguer, a implementación de bolsas de ampliación de estudos, o impulso de contratos para persoal investigador e o financiamento de proxectos para emprendedoras e emprendedores.

Este conxunto de medidas podería comezar a oferecer resultados tanxíbeis -o retorno, explicitou Olalla Rodil, debería facerse “paseniñamente, pero sen pausa”- a partir da dotación de fondos públicos na contorna de 90 millóns de euros, isto é, por volta do 1 por cento do orzamento da Xunta.

A parlamentar soberanista esforzouse en esclarecer que o que está en causa non é tanto o retorno de netas e netos de galegas e galegos emigrados en xeracións anteriores, tal e como equivocamente entendeu Feijóo no debate de investidura, senón na volta dos por volta de cen mil mozos e mozas que se viron obrigados a abandonar este país por motivos económicos desde o estourido da crise.

A iniciativa do BNG foi rexeitada cos votos do grupo parlamentar que dá suporte ao Goberno Feijóo.

Comentarios