O PP descarta reformar o Estatuto de Autonomía

A pesar de que ao longo dos seus 12 anos na Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo non lograse nin unha soa nova transferencia de competencias para a Galiza, o PP considera agora que moitos dos problemas que se achacan ao actual Estatuto de Autonomía poden solucionarse conseguindo novas competencias. Así xustifican a súa negativa a reformar a carta estatutaria.  

O portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy (Foto: Europa Press)
photo_camera O portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy (Foto: Europa Press)

O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy, destacou esta terza feira, 6 de abril, cando se fan 40 anos da promulgación do Estatuto de Autonomía de 1981, que o marco do que se dotou Galiza foi de "enorme utilidade ao país", aínda que teña "carencias", e permitiu "mellorar" sobre a posición inicial.

Puy, que se escudou no actual “clima” política para postularse en contra de reformar o Estatuto, destacou que o texto "é certamente un motivo de unión e celebración conxunta" e lamentou que "este acto de unión non sexa entendido así por todas as forzas do país" e que "no día en que se conmemora a máis brillante páxina da Galiza" haxa quen mesmo "propoña un Estado confederal".

"Sendo como toda obra humana perfeccinábel, o ambiente político non aconsella, visto o visto noutras comunidades autónomas, que sexa o momento de abrir o debate", manifestou Puy.

O político popular tamén se referiu á "visión" de "fracaso" da reforma estatutaria durante a época do Goberno de coalición na Xunta entre o PSdeG e o BNG, unha proposta que non puido saír adiante polo bloqueo dos populares. "Non é un fracaso propio da Galiza", indicou, para argumentar que o conxunto do centro dereita e centro esquerda tampouco foi capaz de acordar ao mesmo tempo que os nacionalistas noutros territorios do Estado, salvo o exemplo de Valencia, no que "non participou ningún movemento soberanista, sostivo.

Ademais, o dirixente popular afirmou que a situación da Galiza "é diferente porque partía dun teito competencial moi inferior", pero advertiu de que "moitos dos problemas que se queren atallar" coa reforma do estatuto, pódense facer co actual texto. Así, puxo como exemplo a transferencia da AP-9 ou que "nada impide" que a Galiza teña unha axencia tributaria.

E, a pesar que nos seus 12 anos de Goberno na Xunta, Alberto Núñez Feixoo non lograrse nin unha soa transferencia de competencias para a Galiza, Puy chegou a afirmar que a Galiza pode tamén asumir as competencias do dominio público terrestre. "O que fai falta é vontade política”, apostilou.

Así mesmo, afirmou que "a historia do autogoberno é a historia dun éxito", "parello" ao estado do benestar, e remarcou que "hoxe é o día de destacar as virtudes e non os seus defectos". "É moito o que nos deu o estatuto", rematou.

Comentarios