O PP desángrase internamente mentres Casado queda só

Tres dimisións nos órganos de direccións, un manifesto reclamando unha xestora, deputados do Congreso asinando unha solicitude de renuncia a Casado e apenas un líder territorial apoiando ao aínda presidente do PP, que se nega a dimitir.
O presidente do PP, Pablo Casado. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do PP, Pablo Casado. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Catarata de dimisións no seo do Partido Popular un día despois da xuntanza do comité de dirección da formación, un órgano que a pesar de estar compostos polas persoas máis fieis a Pablo Casado rematou após máis de sete horas de reunión partido pola metade ao negarse o líder do PP a dar un paso atrás e convocar de xeito inmediato un Congreso do partido que aborde a súa substitución.

Esta terza feira, a primeira en presentar a súa dimisión foi a deputada Belén Hoyo, do País Valencià, presidenta do comité de dirección, e que desde o comezo do encontro de onte exixiu cando menos a renuncia inmediata do secretario xeral, Teodoro García Egea.

Poucos minutos despois foi o alcalde de Madrid e voceiro nacional, José Luis Martínez-Almeida, quen daba o tiro de graza a Casado, ao anunciar que deixaba o seu cargo orgánico na forza estatal.

Sen alusións á crise interna, Almeida salientou que a súa dimisión era “de común acordo” co aínda presidente do PP, e que chega para “centrarse de maneira exclusiva do Concello”.

Non obstante, desde a pasada quinta feira, cando o conflito desatado entre Casado e Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, xa saltara á palestra pública, Almeida negouse a intervir como voceiro do PP, matizando que só o facía como rexedor.

A última dimisión confirmada é a da deputada Ana Belén Vázquez, voceira de Interior do grupo parlamentar no Congreso e secretaria nacional de Exterior, que revelou que apoiou a Casado até a pasada quinta feira, “mais vendo que non hai cambios toca irse, e tras escoitar moitos afiliados, dimito”, indicou.

Rebelión no Congreso

Un conxunto de 17 dirixentes do PP no lexislativo fixeron público un comunicado conxunto pedindo a destitución de García Egea e a convocatoria dun Congreso da formación.

Ademais, outros dirixentes, entre eles o vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano e o líder das Novas Xeracións na Galiza, Adrián Pardo, así como Ana Belén Vázquez, lanzaron un manifesto no que reclaman que unha xestora dirixa o PP até un Congreso no que sexa elixido un novo presidente.

En todo caso, agás Ana Beltrán, presidenta do PP de Nafarroa, todos os líderes territoriais coinciden en que Casado ten que marchar, o que solicitarán na xuntanza programada esta cuarta feira cos liderados autonómicos.

Feixoo como opción?

Dentro do PP, cítase constantemente ao presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, como o posíbel sucesor de Casado á fronte da formación estatal, ao longo do día, a deputada Cayetana Álvarez de Toledo e a ex dirixente Esperanza Aguirre, enfrontadas con Casado, fixeron declaracións apuntando directamente a Feixoo para que asuma o reto de liderar o PP.

Anticorrupción abre investigación

Asemade, a Fiscalía Anticorrupción resolveu abrir dilixencias de investigación polo contrato de emerxencia para a compra de máscaras relacionado co irmán da presidenta madrileña.

Comentarios