Barómetro CIS

O PP deixa de ser a forza máis votada na Galiza

O primeiro barómetro do CIS após os comicios do 10 de novembro indica que o PP non sería a forza máis votada na Galiza de haber agora eleccións estatais. 
Votacións 10N. Eleccións estatais. EP (12)
photo_camera Votacións 10N. Eleccións estatais. EP (12)

O primeiro barómetro do CIS após as eleccións do 10 de novembro sitúa como primeira forza na Galiza o PSOE. Segundo a sondaxe, en intención directa de voto, o PSOE gañaría as vindeiras eleccións estatais na Galiza cun 22,4% dos votos; seguido do Partido Popular, cun 21,2%; Unidas Podemos, cun 8,4%; BNG, co 4,0%; Vox, co 2,4%, e Ciudadanos, co 2%.

A mostra non ofrece resultados de estimación de voto para Galiza, o que impide unha comparativa precisa cos resultados dos comicios de novembro. As fontes consultadas por Nós Diario significan que é moi complicado extrapolar este resultado a unhas eleccións galegas. "Non se pode trasladar a unhas autonómicas os resultados dunhas xerais", sinalan a Nós Diario, ao tempo que destacan "unha debilidade do traballo". Refírense a que se realizou "con anterioridade ao acordo electoral entre o BNG e o PSOE, unha cuestión chave na política galega e cuxa incidencia non está recollida no traballo".

A foto final da enquisa é moi semellante para o conxunto do Estado aos resultados electorais do 10 de novembro. Segundo estes dados, o PSOE continúa como a forza máis votada cun 28,3% dos apoios, tres décimas máis que en novembro; Vox aumenta unha décima; Unidas Podemos mantén cravados os resultados; PP baixa lixeiramente e Ciudadanos segue desfondándose no seu particular camiño aos infernos. As forzas nacionalistas repiten practicamente os seus resultados dos pasados comicios.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios