Eleccións

PP e Ciudadanos negocian un acordo de "persoas" e "postos" concretos para incluír nas listas populares

Vox quere "ser decisivo" para que Feixoo forme Goberno na Xunta após o 5 de abril.
Beatriz Pino, portavoz de Ciudadanos na Galiza.
photo_camera Beatriz Pino, portavoz de Ciudadanos na Galiza (Europa Press).

O Partido Popular está a tensar a corda nas súas negociacións con Ciudadanos a respecto de como concorrerán ás eleccións galegas do vindeiro 5 de abril. Descartada a coalición, está na man dos populares a fórmula de cooperación entre ambos partidos que, de maneira irremediábel, pasa porque persoas de Cs se integren nas listas que lidera Alberto Núñez Feixoo.

Desde o PP galego confirmaron a Nós Diario que a única maneira de artellar a combinación de ambos partidos neste punto é que as representantes do partido laranxa vaian como independentes nas listas populares. Polo tanto, Ciudadanos non se presentaría como tal aos comicios para presidir a Xunta.

Porén, ese acordo de "persoas" e de "postos" aínda non chegou e desde Ciudadanos apuntan a que até o 1 de marzo, data límite para rexistrar as candidaturas dos partidos na Xunta Electoral, "poden pasar moitas cousas". Por parte da formación laranxa, as negociacións co PP lévanse directamente desde Madrid.

En paralelo a todo isto, Ciudadanos segue adiante co seu proceso de eleccións primarias na Galiza, que se viu afectado esta fin de semana por un erro asumido pola empresa prestadora do servizo de votación electrónica, Scytl. Por iso, as inscritas galegas poderán votar de novo entre as 00.01 horas de mañá e as 19 horas desta quinta feira de forma telemática.

Seis candidatas concorren nas súas primarias. A actual portavoz, Beatriz Pino, considérase a "oficial" pois tamén forma parte da xestora da formación a nivel estatal. Entre os asumidos como "críticos" preséntase Manuel Jesús Morgade Muñiz, afín ao vicepresidente da Xunta de Castela e León, Francisco Igea, contrario á liña que defende Inés Arrimadas, e con quen tamén se posicionaría a concelleira de Cs en Lugo Olga Louzao. E José Manuel Blanco López, que liderou a lista por Lugo nas pasadas eleccións estatais. Completan a lista de posíbeis candidatas o vigués David Álvarez Vilarrasa, Juan Antonio Díaz Vázquez, que foi na lista das municipais en Barbadás, e o cangués Jorge Marín Martínez, que se oporía a concorrer co PP o 5 de abril.

"Sorpresas" de Vox

O partido de ultradereita Vox augura "enormes sorpresas" nos seus resultados nas eleccións galegas, onde non contan con presentar candidata á Xunta e o seu líder, Santiago Abascal, xestionará a campaña. O obxectivo é "ser decisivos" para a formación de Goberno de Feixoo, con que manteñen unha relación "tensa".

Comentarios