venres 24.01.2020

PP e Ciudadanos concorrerán xuntos en Navarra para “derrotar o nacionalismo”

Con UPN, terceira pata do banco electoral da dereita española, impulsan o que xustifican como unha “fronte ampla constitucionalista” fronte ao separatismo.


 

PP e Ciudadanos concorrerán xuntos en Navarra para “derrotar o nacionalismo”

Os resultados electorais das autonómicas en Nafarroa de maio de 2015 supuxeron un fito histórico. Por vez primeira desde 1979 unha alternativa a PSN-PSOE e UPN-PP pasaba a liderar o executivo foral. A distribución de escanos saída daqueles comicios abría as portas a un goberno de coalición en chave de esquerdas e abertzale [Geroa Bai (9), EH-Bildu (8), Podemos (7) e Izquierda-Ezkerra (2)] ficando a oposición en mans de UPN (15), PSN (7) e PP (2). 

Estes anos non foron do gosto da dereita española en Nafarroa. De aí que Ciudadanos, PP e UPN aposten en se presentarse agora nunha coligazón que ten claro o seu obxectivo, e así o manifestou xa Albert Rivera: “Derrotar o nacionalismo”. As tres patas da dereita española en Nafarroa queren crear unha “fronte ampla constitucionalista” que recupere o poder foral. Xustifican esta alianza na necesidade de evitar, din desde Ciudadanos, que Nafarroa sea “a nova Catalunya”. Confían nun bo resultado e en que, á hora da verdade e de non ter maioría, o PSOE opte por apoialos a eles para un goberno e non ao executivo saínte, "dominado por Bildu".

“España é unha gran nación”, manifesta Javier Esparza (UPN) para xustificar esta alianza para as eleccións forais, españolas e locais. O 28-A, sinala, non debe dar unha oportunidade ao que se denominou “alternativa do cambio” en Nafarroa, é dicir, gobernos á marxe dos partidos constitucionalistas. Ana Beltrán, do PP navarro, considera que este pacto “é bo para sacar Uxue Barkos [presidenta navarra] do goberno”.

As tres forzas defenden a coalición para evitar que Nafarroa sexa "engolida" por Euskadi e tamén para evitar que "en dez anos sexa a nova Catalunya", segundo fontes de Cs citadas por medios españois valedores deste acordo. 

comentarios