O PP de Cambre vincula homosexualidade con drogradición

A concelleira de Servizos Sociais, María Jesús González, asegurou que para eliminar a LGTBifobia "desde a Concellaría de Sanidade realizáronse talleres contra as adicións no Instituto de Cambre". 

Aconteceu no último pleno, no que o edil do BNG, Daniel Carballada, pregunou á equipa municipal "que actividade desenvolve o Concello destinada a eliminar a discriminación por opción ou identidade sexual?". A cuestión escrita preguntada pola organización frontista encadrábase na conmemoración do Día do Orgullo (28 de xuño) mais María Jesús González Roel, concelleira de Servizos Sociais de Cambre, asegurou inicialmente non entender "moi ben por onde ía a pregunta" pois, dixo, "que eu saiba en Cambre non se discrimina a ninguén por sexo".

A concelleira de Servizos Sociais deu conta dos "talleres contra as adición" desenvolvidos no instituto como se se tratar de actividades de loita contra a LGTBifobia

Así as cousas, González Roel, aseguran desde o BNG, pasou a dar leitura á resposta que portaba por escrito e na que deu conta da relación de actividades que desenvolve o concello con gallo do Día Internacional contra a SIDA e os talleres municipais contra as drogas. "Desde a Concellaría de Sanidade realizáronse talleres contra as adiccións no Instituto de Cambre", sinalou a concelleira.

Animan á concelleira a "pedir desculpas" publicamente por este "sinsentido" 

Para o Bloque estas declaracións constitúen "un sinsentido" e "un cúmulo de despropósitos" ao "vincular a homosexualidade coa drogradición". Daniel Carballada asegurou que "sinceramente non penso que María Jesús sexa unha persoa homófoba, pero si creo que non está a altura que as súas responsabilidades esixen" e convidouna a "pedir desculpas" publicamente". 

Aliás, animaron ao Concello de Cambre a se tomar "en serio o asunto e realizar un plan anual contra a discriminación por identidade e opción sexual, colaborando co tecido asociativo e a sociedade civil" pois, indicou Carballada, "nunca sinalaremos a ninguén, pero todo Cambre sabe que, aqui, como en tantos sitios, se ten ridiculizado e caricaturizado a xente historicamente pola súa opción ou identidade sexual" polo cal, "ainda que sabemos positivamente do grao de respecto e comprensión que se dá en Cambre, nunca estará de máis a acción dos poderes públicos en favor da plena igualdade", acrecentou. 

Comentarios