O PP bota da alcaldía a Xosé Luís Rivas 'Mini'

Através dunha moción de censura o grupo municipal popular desafiuzou o representante do BNG como rexedor de Boimorto.

Pleno Boimorto

Nun salón de plenos ateigado pola veciñanza que quixo amosar o seu apoio ao que até hoxe era alcalde do Concello de Boimorto, o Partido Popular --da man do número 3 do PSOE nas municipais-- executaron unha moción de censura contra Xosé Luís Rivas, Mini. 

Trátase da primeira moción desde que o pasado 24 de maio decorreran as eleccións e semanas despois de que o edil non adscrito mais candidato polo PSdeG-PSOE, José Balado, apoiase o acordo de goberno que outorgou a alcaldía do goberno local ao concelleiro do Bloque. 

O candidato do Partido Popular, Gonzalo Concheiro, xustificou na súa intervención a moción asegurando que a súa fora a candidatura máis vota con 687 votos. Porén, desde as bancadas do público o que se escoitaban eran berros contra o transfuguismo. 

E é que José Balado argüíu o seu cambio político a un presunto "erro" no acordo de goberno asinado polo BNG e o PSOE. Pola súa banda, ambas as dúas formacións denuncian o "transfuguismo" de Balado e a "fraude de lei" que suporía, nese senso, a moción de censura. 

Mini: "Estamos afeitos a xogadas sucias e sabemos que a política funciona así ás veces, por certa xente"

Así o expresou o propio Rivas e a voceira do Bloque en Boimorto, Raquel Val. Desde a organización frontista xa avanzaron que esgotarán todas as vías xurídicas para invalidar a moción que tildan de "golpe á democracia". 

Xosé Luís Rivas afirmou na súa intervención que continuar coa moción é "darlle o poder a quen xoga suxo" e "traizoa a vontade popular". "Alá vai todo", acrecentou en relación ao traballo comezado pola equipa de goberno municipal. "Estamos afeitos a xogadas sucias e sabemos que a política funciona así ás veces, por certa xente". 

O xa ex-alcalde nacionalista, Xosé Luís Rivas, estivo arroupado non só por veciñanza de Boimorto senón tamén por representantes da executiva do BNG a comezar polo portavoz, Xavier Vence; Bieito Lobeira e Ana Miranda. Tamén pola vice-presidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o seu compañeiro musical, Baldomero Iglesias, Mero. 

Entre as persoas que asistiron ao pleno víronse diversas mensaxes de apoio, entre elas, unhas camisolas nas que se podía ler a lenda: "sempre volvemos renacer, sempre xurdimos outra vez, tras mil derrotas". Unha frase acuñada polo propio Mini. 

Comentarios