PP, BNG e PSdeG urxen a rebaixar a AP-9

Os partidos demandan ao Goberno estatal aplicar a redución dos prezos
As portaxes da AP-9 subiron 0,92% desde o inicio de ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera As portaxes da AP-9 subiron 0,92% desde o inicio de ano. (Foto: Europa Press)

As tres formacións políticas con representación no Parlamento galego (PP, BNG e PSdeG) coincidiron onte en instar o Goberno español a aplicar axiña a rebaixa das portaxes da AP-9 prevista nos Orzamentos Xerais do Estado aprobados o pasado 22 de decembro, pois lonxe de as portaxes abaratárense experimentaron a 1 de xaneiro unha suba de 0,92%.

A viceportavoz parlamentar do Partido Popular, Paula Prado, destacou que a AP-9 é a que máis sobe as portaxes das tres autoestradas que no Estado incrementaron os seus prezos co arranque do novo ano. Aliás, Prado criticou o acordo de investidura de Pedro Sánchez alcanzado entre o PSOE e o BNG en que a rebaixa da AP-9 era "a principal demanda". 

A ese respecto pronunciouse onte a viceportavoz parlamentar do BNG, Olalla Rodil, lembrando que a líder do Bloque,  Ana Pontón, remitiu un escrito ao Goberno do Estado para reclamar que "de forma áxil" se aprobe o decreto que formalice a rebaixa das portaxes.

"Pedimos que non se perda nin un minuto máis, porque cada minuto que pasa sen aplicar esta rebaixa, que foi resultado dun compromiso adquirido co BNG e co conxunto das galegas e galegos, é un minuto máis de incumprimento", apuntou Rodil.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, informou de que xa pediu ao ministro de Fomento, José Luis Ábalos, que leve a cabo todas as medidas necesarias para que esta rebaixa se produza "canto antes". 

"Chegará en 2021, vai ser histórica e o PP e o BNG quedarán na historia da Galiza como dúas forzas políticas que votaron en contra de baixar as peaxes da AP-9 cando se opuxeron aos Orzamentos Xerais do Estado", manifestou Caballero.

Preguntada polas declaracións do líder socialista, a viceportavoz do BNG subliñou que a súa formación "está na mesma posición de sempre: defender os intereses da Galiza". Ademais, Olalla Rodil, aproveitou para criticar que tanto o PSdeG como o PP galego "exerzan de correas de transmisión das súas direccións madrileñas".

Tamén se manifestou ao respecto a viceportavoz popular Paula Prado, considerando que esas discrepancias responden a unha estratexia do Partido Socialista para "recuperar un pouco de pulso político perdido" nas eleccións galegas do pasado 12 de xullo.

Comentarios