PP e BNG exixen actuar de maneira urxente nos encoros

A formación nacionalista pide sancións para as electricas mentres que o PP centra a culpabilidade da situación no Goberno español. 
Estado este 26 de agosto do encoro de Portomarín (Arxina)
photo_camera Estado este 26 de agosto do encoro de Portomarín (Foto: Arxina)

A situación dos encoros galegos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil continúa a ser alarmante. Os das Portas, Belesar, Cenza e Salas continúan a un nivel de capacidade inferior ao 20%, cando o pasado ano por estas datas presentaban un nivel de ocupación superior ao 71%, estando a media da última década nun 67,21%. PP e BNG denunciaron esta sexta feira, de novo, esta situación que se dá no momento en que os prezos da luz están en máximos históricos. 

O PP culpa o Goberno español da situación

Desde o PP presentáronse unha serie de iniciativas parlamentarias nas que reclaman a comparecencia "urxente" no Congreso do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para que ofreza explicacións sobre o baixo nivel de auga que presentan os encoros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Deputadas e deputados da circunscrición ourensá consideran "moi alarmantes" os niveis dos encoros de Belesar (Chantada), Salas (Muíños), Cenza e As Portas (estes últimos en Vilariño de Conso). Aseguran que están "moi por baixo" dos habituais nestas datas e que por iso afectan as poboacións piscícolas e a biodiversidade.

Ademais, a portavoz de Medio Ambiente do grupo parlamentario popular, Marisol Díaz Mouteira, presentou por rexistro unha iniciativa que, entre outras cuestións, reclama revisar as normas de explotación vixentes para garantir un nivel mínimo que evite "riscos de abastecemento e riscos ambientais". 

O BNG pide sancionar Iberdrola e Naturgy

Por parte do BNG, a través do seu deputado no Parlamento galego Iago Tabarés, instouse a Xunta a pór en marcha medidas para impedir a sobreexplotación das hidroeléctricas e "sancionar as empresas responsábeis do baleirado dos encoros galegos, Iberdrola e Naturgy  que aumentaron a súa produción hidroeléctrica co fin de vendela nun mercado que está a experimentar prezos diarios históricos".

Ademais, Tabarés afirma que "as consecuencias destas accións empresariais teñen tamén consecuencias sociais e medioambientais no territorio e na economía da zona, como no encoro das Conchas, no concello de Muíños, obrigado a prohibir o baño dado nivel de contaminación".

Comentarios