Parlamento

O PP blinda a continuidade de Tahoces na dirección xeral

O pleno do Parlamento rexeita cos votos do PP e a abstención do PSOE solicitar o cese do director xeral de Enerxía e Minas, investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental

Parlamento de Galiza
photo_camera Parlamento de Galiza

O Parlamento Galego volveu debater a situación de Ángel Bernardo Tahoces, o director xeral de Enerxía e Minas da Xunta que se atopa investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental en relación coa explotación mineira de Lousame. A iniciativa de solicitude de cese de Tahoces e de “carpetazo” ao proxecto mineiro de Touro-O Pino foi presentada nunha moción polo deputado de En Marea Antón Sánchez, foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular e a abstención do PSdeG. Alberto Núñez Feixoo xa declarara a semana pasada que consideraba excesivo substituír a Tahoces.

Antón Sánchez esixiu o cese do director xeral de Enerxía e Minas pola súa política "tolerante coa contaminación"

O deputado Antón Sánchez esixiu o cese do director xeral de Enerxía e Minas pola súa política "tolerante coa contaminación e cunhas explotacións que puxeron en risco a saúde das persoas”, feitos que salientou se están a investigar polo xulgado de Noia a raíz da xestión no caso da mina de San Fins, en Lousame.

Nese sentido, Sánchez acusou no pleno do Parlamento a Tahoces de axudar as empresas no súa tentativa de demostraren que as balsas de residuos abandonadas non pertencen á explotación, coa finalidade de que sexa o pobo galego quen pague por medio dos seus impostos a recuperación das balsas en lugar de facelo as empresas que as contaminaron, sinalou.

O deputado reclamou tamén un modelo de explotación sustentábel fronte o actual “que destrúe emprego e destrúe futuro", polo que esixiu que se desbote a reapertura da mina de Touro, así como tombar a lei de depredación.

' Mini' denunciou os agravios que a Xunta comete contra Galiza a cambio de defender os intereses capitalistas

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Luís Rivas ' Mini' denunciou os agravios que a Xunta comete contra Galiza a cambio de defender os intereses capitalistas, cuestión que amosa, segundo denunciou, a existencia de políticos "estratexicamente situados para eliminar os obstáculos das empresas para acceder ás concesións". Así mesmo, acusou ao goberno de Feixoo de estar xogando a alongar os tempos co cese de Tahoces cando hai sobre a mesa acusacións de "presunta prevaricación ambiental", ausencia de controis, balsas "ameazantes", e actividades de "espolio e de rapiña" por parte de empresas que "non deixan lucro e hipotecan o futuro". Mini espetou ao PP que defende o "todo vale nos negocios" e as prácticas "de marcado corte colonial" que se aplican en Galiza.

Abel Losada esixiu incrementar o control ambiental

Abel Losada defendeu que desde o PSdeG non cuestionan a minería e a industria, senón que as súas esixencias van encamiñadas cara a incrementar o control ambiental para evitar casos de "abandono de funcións" como o de Touro e ao mesmo tempo garantir a dispoñibilidade das materias primas necesarias a través dunha actividade menos disruptiva.

Moisés Branco Paradelo defendeu que todos os proxectos son tramitados con rigor

Pola súa banda, o deputado do PP Moisés Branco Paradelo defendeu que todos os proxectos son tramitados con rigor e garantías técnicas e ambientais, lembrando a Lei de Minaría aprobada "polo bipartito" en 2008.

Comentarios