O PP aproba en solitario, e con protestas na rúa, a controvertida reforma da Lei de Saúde

Reduce áreas sanitarias e, denuncia a oposición, avanza no camino de privatización da sanidade galega.

Sanidade
photo_camera Mentes no Parlamento se debatía a reforma, nas portas había unha concentración na defensa das áreas sanitarias.

Ouvidos xordos aos miles de persoas que durante estas semanas nutriron manifestacións e mobilizacións nacionais, comarcais e locais para rexistra a reforma da Lei de Saúde do PP. Os populares pasaron o rolo da súa maioría absoluta e sacaron adiante a reforma mentres na rúa, fronte ao Parlamento, continuaban as protestas de defensores da sanidade pública. Concentración na que desde os contrarios á desaparición da área sanitaria mariñán coreáronse consignas como "Feijóo, fariña, non volvas á Mariña"

A nova lei reduce de 11 a 7 as áreas saniatrias de Galiza. “A Lei de saúde é unha bomba de reloxaría para a sanidade pública galega”, manifestaba en conversa con Sermos Galiza Manuel G. Moreira, médico e e un dos portavoces de SOS Sanidade Pública. “Cédese a empresas privadas a capacidade de decidir en cuestións sanitarias”, mantén.

Unha opinión que partilla a oposición. Eva Solla (En Marea) preguntou en que criterios se basea o PP para esta reforma, criticando que “sexan as empresas” as que marquen a política sanitaruia da Xunta. "Non gobernan  en maioría, gobernan en satrapía". O socialista Xulio Torrado criticou a reforma dos populares por, afirmou, rachar a igualdade no acceso á sanidade pública en función do lugar de residencia. De por parte, Montse Prado (BNG), afirmou que a reforma “empiora” a sanidade galega e advertíu o PP que a oposición ao proxecto vai continuar. "Gañaron a votación pero perderán a batalla", remarcou.

Nada diso perturbou os populares, que por voz do seu portavoz de Sanidade, Aurelio Núñez Centeno, indicaron que con este tipo de medidas o que a Xunta procura é“mellorar a calidade de vida das persoas”.

Durante o debate e fronte ao Parlamento, plataformas de SOS Sanidade Pública das distintas áreas sanitarias de Galiza e usuarios do sistema sanitario galego concentráronse para demandar a paralización da tramitación parlamentaria da reforma do proxecto de Lei de Saúde e alertar das súas consecuencias. A  secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, cualificou de “día de loito para a sanidade pública galega” a xornada . Un roubo máis de dereitos ao que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou a dar unha resposta “firme e decidida”.

Comentarios