O PP aproba os Orzamentos para 2016 en solitario

Cos resultados electorais como pano de fondo as forzas da oposición rexeitaron unhas contas que, din, afondan nunha política "inxusta" e "inútil" dun "goberno morto politicamente". 

Parlamento galego

O Parlamento galego aprobou na terza feira (22 de decembro) os orzamentos para 2016. Unicamente cos votos favorábeis do Partido Popular, as demais organizacións con representación parlamentar censuraron as contas nun debate que estivo marcado polos resultados colleitados nos comicios xerais do pasado 20-D. 

Segundo as forzas da oposición, trátase duns orzamentos que afondan nunha política "inxusta" e "inútil" que situou Galiza "como un país low-cost", asegurou a deputada do BNG, Ana Pontón, para alén de aumentar "as desigualdades", "a pobreza" e "a exclusión social". 

Pola súa banda, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, asegurou que se tratou dun "debate carente de sentido" após os resultados das eleccións xerais que deixaron, dixo, unha "nova realidade". Neste senso, instou o executivo de Alberto Núñez Feijóo a "deixar paso" e "disolver" a Cámara. "Aí fóra o país está en pé", aseverou. 

Pola súa banda, o portavoz do grupo socialista, José Luís Méndez Romeu, criticou --como tamén fixo a parlamentar nacionalista-- que foran rexeitadas todas as emendas parciais presentadas no que tildan como un exemplo da xestión política dun "goberno encastelado", afirmou Pontón. 

Porén, o voceiro do Partido Popular, Pedro Puy, defendeu as contas deseñadas polo goberno galego asegurando que responden ás funcións dunhas contas públicas. 

Esta cuarta feira reanúdase a sesión plenaria co debate e votación da Lei de Acompañamento. 

Comentarios