O PP apoia as reivindicacións de Ence en Pontevedra

As centrais sindicais CIG e UGT, maioría no comité, apostan por unha mesa de diálogo.
A celulosa de Pontevedra, ao carón do río Lérez. (Foto: Xaquín Soliño)
photo_camera A celulosa de Pontevedra, ao carón do río Lérez. (Foto: Xaquín Soliño)

As protestas violentas promovidas por un grupo de traballadores de Ence, que ocuparon durante horas a casa do Concello de Pontevedra e tentaron agredir o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, á súa saída do consistorio, marcaron boa parte da actualidade política. 

Así, por exemplo, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, expresou a súa solidariedade co rexedor pontevedrés, criticou as "arengas" do portavoz do PP aos traballadores e cualificou de “mafiosa a posición de CCOO utilizando os traballadores”. 

A alternativa defendida por este sindicato, difire da proposta mantida polo comité de empresa de Ence, onde a maioría formada por CIG e UGT apostan pola apertura dunha mesa de diálogo para buscar unha solución ao problema.

As fontes consultadas por Nós Diario vincularon estes incidentes á proximidade dunha resolución xudicial que pode pór fin á presenza da factoría de Ence na ría de Pontevedra.

A este respecto, sinalaron que a Audiencia Nacional ultima unha sentenza que pode anular a prórroga concedida á empresa por Mariano Raxoi en 2016 e que lle permitía continuar coa súa actividade nos actuais terreos de Lourizán até 2073. 

Neste sentido, a propia Avogacía do Estado cuestiona a legalidade da decisión do Goberno popular e considera non axustado a dereito outorgar concesións de uso no dominio público marítimo terrestre por un prazo superior a 75 anos. Ao tempo, a Avogacía do Estado entende que un Executivo en funcións, situación na que se atopaba naquel momento o Gabinete de Raxoi, non pode conceder prórroga.

Os voceiros do Goberno pontevedrés e diferentes representantes do BNG teñen ligado o PP cos incidentes e acusan o portavoz municipal popular de animar o conflito. Nesta liña, o alcalde, Fernández Lores, afirmou que "o señor Domínguez, estivo presente na recepción da Alcaldía arengando a esas persoas que a ocuparon" e aseverou que “estamos seguros de que se o PP e Colmenares dan as ordes pertinentes estes espectáculos bochornosos que non corresponden a Pontevedra rematan inmediatamente”. 

Pola súa banda, os socialistas consideraron que “as coaccións, as ameazas, o emprego da violencia verbal e física e a retención ilegal de persoas son inxustificábeis. Aqueles que alentan estes delitos, repulsivos”.

“Non lles temos medo, imos seguir defendendo unha Ría libre de Ence e un país libre da corrupción das portas xiratorias e dos ditados do Ibex”, sinalou o deputado do BNG Luís Bará en relación á presenza no consello de administración de Ence de antigos cargos gobernamentais da Xunta e do Estado. Así, desenvolven responsabilidades como directivos da compañía, a ministra de Medio Ambiente de Aznar, Isabel Tocino, o secretario de Estado de Augas e Costas co PP, Pascual Fernández ou o conselleiro de Medio Ambiente con Manuel Fraga, Carlos del Alamo. Precisamente, durante o mandato deste último, a Xunta concedeu a Ence a Autorización ambiental integrada e aprobou un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal á medida da empresa.

Comentarios