O PP ao completo porase aos pés de Merkel na súa visita a Compostela

Alcalde, presidente da Xunta e do Goberno central reciben hoxe en Galiza á líder das políticas de “austeridade” que se dictan desde Bruxelas. Fará un percorrido promocional polo Camiño e terá que aturar protestas pola súa presenza.

rajoymerkel
photo_camera Rajoy e Merkel

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e todas as forzas vivas posíbeis do PP galego e estatal acompañarán ao xefe do Executivo central, Mariano Rajoy, na recepción á xefa de goberno alemá, e líder das políticas neoliberais da UE, Ángela Merkel hoxe domingo no aeroporto da Lavacolla. Por exemplo o alcalde de Compostela, o terceiro desta lexislatura, Agustín Hernández, saudará aos xefes dos Gobernos español e xermano a última hora da tarde, antes da luxosa cea privada que teñen prevista.

A xuntanza ten aspecto de recepción entregada ao poder superior que non pasou polas urnas pero manda en Galiza

Tras chegar ao aeroporto, e 25 minutos logo da recepción, Mariano Rajoy e Angela Merkel emprenderán, sen compañía doutras autoridades, o percorrido publicitario de seis quilómetros polo Camiño de Santiago, nunha marcha que manteñen en segredo por “razón de seguridade”, antes de que o luns manteñan un encontro bilateral que será recibido con protestas. Na capital galega está convocada unha pola CIG ás 11.00 horas para denunciar os "recortes" promovidos pola Unión Europea.

Xa o luns, ambos mandatarios manterán unha reunión bilateral e ofrecerán unha conferencia de prensa conxunta ás 10.30 horas no Hostal dos Reis Católicos. Posteriormente, visitarán a Catedral.

Xuntanza

A reunión de traballo bilateral terá lugar unha semana antes da celebración do Consello Europeo de Bruxelas do día 30, no que se abordará o reparto de cargos na Unión Europea tralas europeas.

Ademais da concentración de protesta, AGE e BNG tamén solicitaron que este paso por Galiza sirva para pedir a Merkel "a fin dos recortes" e que coñeza, por exemplo, a situación das explotacións lácteas e as "consecuencias" que sofren polas políticas da UE.

Comentarios