O PP anuncia unha reforma do Tribunal Constitucional con Artur Mas no punto de mira

Os populares rexistran no Congreso unha proposición non de lei para que o TC multe ou suspenda a quen incrumpra as sentencias. “A broma terminou”, dixo Albiol, candidato do PP en Catalunya.

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

O goberno español prepara unha reforma da lei urxente que regula o Tribunal Constitucional para que este organismo teña capacidade sancionadora e poida multar ou suspender a quen non acate as súas sentencias. O anuncio véñeno de facer esta terza feira en Madrid o voceiro do grupo parlamentar do PP, Rafael Hernando, e o candidato dos populares nas eleccións cataláns do 27S, Xabier Albiol. Un anuncio que chega a 10 días de que comece a campaña electoral.

Albiol afirmou que “a broma terminou”, en referencia ao proceso soberanista catalán, e defendeu a proposta do PP como a “evidencia” de que “ninguén vai proclamar a independencia de Catalunya”. Pola súa parte, Rafael Hernando dixo que “vimos situacións de desacato e iso ten que acabar”.

A reforma impulsada polo PP rexistrouse por procedemento de urxencia para que poida ser aprobada nesta lexislatura e evitar os informes pertinentes do Consello de Estado e o Poder Xudicial.


 

Comentarios