O PP anuncia que pensa aprobar en setembro o recorte de escanos no Parlamento galego

Pedro Puy aposta por rebaixar de 75 a 61 o número de deputad@s no Hórreo despois do verán e malia a postura contraria da oposición, que considera que “reduce a democracia cando a cidadanía pide que se profunde nela”.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, avanzou que a reforma da lei electoral galega impulsada polo seu partido e que contempla o recorte de escanos da Cámara "levarase a comisión e Pleno en setembro", cando comece o novo periodo de sesións, malia a oposición do resto de grupos, especialmente de BNG e AGE, que consideran que “recorta democracia nun momento en que a cidadanía reclama profundar na mesma”. O PSOE está formalmente en contra, pero mantén un fío de negociación co PP sobre a reforma.

Pedro Puy apoia tamén a reforma para as locais que medita Rajoy e que lle daría a alcaldía á lista máis votada, impugnando así as maiorías programáticas

Nunha entrevista en CorreoTV, Puy defendeu que esta medida "reforza a lexitimidade do Parlamento nun momento complicado para a cidadanía" e insistiu en que o recorte de escanos, dos 75 deputad@s actuais a 61, "non afecta en absoluto á capacidade de representación nin á pluralidade do Parlamento", algo que negan as forzas de esquerda. BNG e AGE abandonaron a fase de relatorio como mostra de protesta polo que se ten chegado a considerar “un pucheirazo”. @s nacionalistas presentaron unha alternativa que apostaba pola representación pura, na que todos os votos valesen o mesmo e cunha circunscripción única para toda Galiza. Puxo como exemplo do inxusto da actual lei electoral que nas últimas autonómicas o PP subise en escanos malia caer en votos, situación que pensan que empeorará cos cambios que pretende o goberno de Feijóo.

Sobre a reforma que quere impulsar o PP a nivel estatal para que goberne a lista máis votada non concellos, deixando así sen efecto as maiorías programáticas, Puy considera que "é un debate de envergadura que hai que conectar coa necesaria reforma da administración local, que segue igual que hai dous séculos". A proposta d@s populares mantén -mesmo reforzadas- as Deputacións, moito máis antigas que boa parte dos actuais concellos de Galiza e cuxa eliminación propón a esquerda e o nacionalismo, así como amplos sectores sociais.

Comentarios