O Partido Popular 'amordaza' a rúa

A lei de Seguridade Cidadá e a reforma do Código Penal entrarán en vigo o 1 de xullo após seren aprobadas no Congreso español.

2013021818101362371
photo_camera Despexo de Aurelia Rey na Coruña [Imaxe X.C]

Unicamente cos votos a favor do Partido Popular, a Cámara Baixa española aprobou esta quinta feira (25 de marzo) a Lei de Seguridade Cidadá --coñecida como Lei Mordaza-- e a reforma do Código Penal. 

Após este último trámite, ambas as dúas medidas entrarán en vigor o 1 de xullo malia as críticas e denuncias da oposición, as organizacións de dereitos humanos e as advertencias das institucións internacionais. 

E é que até os relatores especiais das Nacións Unidas se dirixiron ao executivo español para lle sinalar que a Lei de Seguridade Cidadá supuña unha vulneración dos dereitos de expesión e manifestación, como tamén o fixo a Unión Europea en relación coas 'devolucións en quente' de migrantes na fronteira que legaliza a reforma. 

Porén, a forza maioritaria da Cámara, o Partido Popular, rexeitou ao longo do proceso lexislativo as emendas presentadas pola oposición e unicamente incorporou as súas, entre elas as propias devolucións no valado de Ceuta e Melilla. 

Así, coa incorporación dalgúns matices vía emenda o texto aprobado esta quinta feira no Congreso pune o deslocemento de bens e inmóbeis público; gravar as actuacións policiais, a ocupación de oficinas ou entidades bancarias; a venda ambulante (top manta), queimar contedores do lixo, frear un desafiuzamento, negarse a ser identificado polas FSE ou mesmo as reunións ás portas de infraestruturas que sexan consideradas servizos básicos para o estado

Neste senso, estes delitos serán punidos de acordo cunha baremación dos mesmos como falta "leve", "grave" ou "moi grave" con sancións económicas entre os 100 e os 600 mil euros. De igual maneira, a prescrición dos mesmos variará de 6 meses, 1 ano e 2 anos de acordo cos mesmos criterios. 

A outra norma aprobada hoxe polo Congreso é a reforma do Código Penal deseñada polo anterior ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, e á que se incorporou o pacto anti-jihadista asinado por PP e PSOE após os crimes no Charlie Hebdo. 

Os delitos de "enaltecemento do terrorismo" serán punidos con 3 anos de cadea

Através deste novo marco instáurase a cadea perpetua baixo o epígrafe da pena peramente revisábel. Aliás, os delitos de "enaltezamento do terrorismo" pasan a ser punidos con 3 anos de cadea o que levaría a calquera persoa condenada por tal cuestión a ingresar en prisión, mesmo se non conta con antecedentes penais. Asemade, tipifícase como delito a consulta ou visualización de páxinas web 'jihadistas' ao as considerar penalmente como "adestramento terrorista pasivo". 

Mesmo as filtracións de información serán consideradas un delito no novo Código Penal. Segundo o artigo 197 bis será considerado "terrorismo" o que "por calquera medio ou procedemento vulnerando as medidas de seguridade estabelecidas para impedilo e, sen estar debidamente autorizado, acceda ou facilite o acceso, ao conxunto ou parte dun sistema de información". Este feito será punido con penas de prisión de "6 meses a 2 anos de cadea". 

Todas as forzas da oposición amosaron o seu rexeitamento durante o debate parlamentar a ambas as dúas normativa. Desde o BNG a deputada Rosana Fernández acusou o goberno español de pretender practicar "a ideoloxía máis reaccionaria e represora vulnerando grande parte dos dereitos e liberdades fundamentais". 

Desde a organización frontista aseguran que o PP "responde con máis represión" á "crítica social". 

Comentarios