PP e AGE acordan limitar as propostas no debate do estado da nación

Cada forza poderá achegar un máximo de 50 propostas de resolución nunha sesión que malia durar 3 días verá reducido o tempo de intervención de cada grupo. Yolanda Díaz xustificou o posicionamento do seu grupo afirmando que "o debate" debe ser "máis de calidade que de cantidade".

A Xunta de Portavoces do Parlamento galego acordou limitar o número de propostas que se poderán defender no debate do estado da nación.

As portavocías do BNG e PSdeG rexeitaron a medida ao se sumar á limitación nos tempos de intervención. A mudanza saíu adiante cos votos favorábeis de PP e AGE. 

O BNG revisará o Regulamento
A deputada do BNG, Ana Pontón -que compareceu perante os medios ao atoparse o portavoz do grupo, Francisco Jorquera na concentración contra o despexo de Elisabeth Sanlés- lamentou que as mudanzas introducidas no debate sobre o estado da nación conten co apoio de AGE, e anunciou que o Bloque revisará o Regulamento da Cámara perante o que consideran "unha vulneración dos dereit@s d@s deputad@s". 

Ana Pontón (BNG) lamenta o apoio de AGE a unha medida que, dixo, só beneficia "os intereses do PP"

Neste senso, lembrou Pontón, o regulamento da Cámara non recolle a posibilidade de estabelecer límites á presentación de iniciativas, unha medida, dixo, que só "beneficia os intereses do grupo popular". Desde o PSdeG, o voceiro parlamentar, Abel Losada, subliñou que o acordo procura reducir o protagonismo da oposición e "amordaza o Parlamento". 

O PSdeG ve un "contrasentido"
Pola súa banda, desde o Bloque consideran que a redución dos tempos de intervención --á que se sumará a limitación do número de propostas-- supón unha incongruencia coas ofertas de diálogo lanzadas polo grupo popular e o goberno galego.

Ana Pontón cualificou como "grave" as mudanzas introducidas nas condicións do debate que, malia desenvolverse en tres xornadas, limitará as proposicións dos grupos toda vez que se reducirán as quendas de intervención. Algo que desde o PSdeG-PSOE cren "un contrasentido".

Abel Losada (PSdeG): "A redución socava o diálogo, a proximidade e a transparencia do Parlamento"

"Hai menos iniciativas e hai menos tempo de debate", explicou Abel Losada quen asegurou que esta reforma "socava o diálogo, a proximidade e a transparencia do Parlamento". 

AGE apoia a proposta 
A vice-portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, asegurou en comparecencia de imprensa após a Xunta de portavoces que a súa formación non coincide co PP neste asunto, mais que entende, dixo, que "o debate debe ser máis de calidade que de cantidade".

Yolanda Díaz (AGE): "O debate debe ser máis de calidade que de cantidade"

Así xustificou Díaz o seu apoio á proposta d@s populares pola que se reducirá o tempo de intervención dos grupos e o número de iniciativas a presentar polos mesmos. 

Así, embora considerar que o debate sobre o estado da nación é "de extrema importancia", Yolanda Díaz sinalou que "máis que insistir no quantum" AGE aposta pola calidade e por converter o debate nun "auténtico pulmón", iso si, con quendas de interpelación máis reducidas e un menor espazo para a presentación de alternativas ao goberno de Núñez Feijóo. 

Comentarios