O PP agarda que o Goberno que saia das urnas aposte polo "diálogo”

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, interveu ás 20.30 horas deste 12-X. “Ao Goberno que saia das urnas desexámoslle vontade de dialogo e capacidade de xestión". “Desexamos que acerte” ese Goberno que saia das unas, dixo, “porque a súa sorte será a de todos os galegos”.

Miguel Tellado na sede do PP en Compostela (Nós Diario).
photo_camera Miguel Tellado na sede do PP en Compostela (Nós Diario).

Ao pouco de fecharen as urnas interveu esta tarde o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado. A pesar de non querer pronunciarse sobre a enquisa difundida pola CRTVG que deixa no ar a maioría absoluta de Alberto Núñez Feixoo, Tellado desexou “ao Goberno que saia das urnas” capacidade de dialogo e vontade de xestión. “Desexamos que acerte” o novo Goberno elixido este 12X “porque a súa sorte será a de todos os galegos”. Tellado tamén indicou que Alberto Núñez Feixoo non comparecerá até que finalice escrutinio.

“O PP é o partido máis grande da Galiza, que chega a todos os recuncho do país, que ten o mellor líder, recoñecido dentro e fóra da Galiza”, dixo Tellado en referencia a Núñez Feixoo. “Temos moitos motivos para sentirnos orgullosos deste partido que naceu na Galiza”.

“Galiza falou e agardamos que falase coma sempre, alto e claro”, afirmou.

O secretario xeral popular agradeceu as persoas que votaron PP e a quen non o fixo, porque todas as que participaron nas urnas “co seu voto amosaron o seu compromiso con esta terra”.

Agradeceu Tellado a Galiza porque “entre todos conseguimos que nesta situación anormal se puidesen facer unhas eleccións completamente normais, desde as constitución das mesas até a votación”. Foron, dixo, “as eleccións mais seguras da historia”.

Comentarios