Sen chan electoral

O PP afundiríase nunhas novas xerais caendo ao cuarto posto

O barómetro publicado polo CIS correspondente ao mes de maio amosa un PP sen chan electoral que caería até ser a cuarta forza política no Estado de celebrarse agora unhas novas eleccións xerais.

Casado e Feixoo
photo_camera Casado e Feixoo

Após o suspenso nas urnas recollido polo Partido Popular o 28 de abril e máis nos comicios locais e europeos do 26 de maio, o barómetro que o CIS vén de publicar estima que o Partido Popular sería cuarta forza política, de celebrarse agora novas eleccións xerais.

O estudo de maio reduce o número de persoas enquisadas respecto ás macroanálises pre-electroais de marzo e abril. Volve así agora a basearse en 2.985 entrevistas persoais realizadas en 294 municipios de 48 provincias entre os días 1 e 11 de maio, após a celebración das eleccións xerais.

Á pregunta de a quen votarían de convocarse novas eleccións xerais, un 30,1% confirmou que optaría polo PSOE, mentres que un 13,4% faríao por Ciudadanos e un 12,6% por Unidas Podemos. Tan só un 9,4% garantiu o seu voto o PP e un 4,4% elixiu Vox. Con todo, un 7,5% decidiría non votar e un 10,3% afirmou que non sabe ou preferiu non respostar. Nesta enquisa o CIS non ofreceu estimación de voto e só dá estes datos de intención directa de voto.

As tendencias que marca o CIS semellan non deparar chan electoral para un PP en caída libre que na Galiza xa perdeu a súa hexemonía

As tendencias que marca o CIS semellan non deparar chan electoral para un PP en caída libre que na Galiza xa perdeu a súa hexemonía nas urnas nas eleccións xerais do 28 de abril, deixando de ser a forza máis votada na Galiza. Pasou entón do 41,53% do apoio do electorado no 2016, a deixar polo camiño tres actas e ficar só con nove escanos e o 27% dos apoios.

Nas europeas tamén deixou de ser primeira forza e voltou ficar en segunda posición tanto no Estado (20,13% de apoios), como na Galiza con (29,81%). O duro revés das municipais deixa o PP sen alcaldías en ningunha cidade galega (falta por ver que acontecerá en Ourense) e cun importante retroceso en votos e alcaldías en toda Galiza. 

Nas europeas tamén deixou de ser primeira forza

En canto á formula de goberno do Estado, o 38,2% entende que debería gobernar o PSOE e de forma maioritaria (o 45% das persoas entrevistadas) optan preferentemente por unha coalición. Dese 45% que quere un acordo, a metade apostaría por un goberno de Sánchez con Unidas Podemos, querendo un 16% contar tamén no pacto coa forzas soberanistas e un 34% co apoio das mesmas desde fóra.

Por contra, a opción dun goberno de coalición entre PSOE e Ciudadanos só é apoiada polo 24,5% de quen aposta por un executivo compartido.

Pablo Casado e Santiago Abascal son os líderes menos desexados

A enquisa tamén pregunta sobre a valoración de liderados. Neste caso o ultradereitista Santiago Abascal é o peor valorado con 2,6 puntos, seguido moi de perto por Pablo Casado cun 3,2. As opcións polas que apostan as persoas enquisadas polo CIS son maioritariamente Pedro Sánchez cun nota de 5,1, Pablo Iglesias co 4,2 e Rivera cun 4.

Comentarios