O PP adía a tramitación da reforma do aborto ante o desgaste político

O goberno español retrasa a tramitación lexislativa da nova lei até xuño para evitar o desgaste de cara ás europeas. Entrementres, unha vintena de militantes do BNG fixeron entrega no Rexistro da Xunta dunha caixa dirixida ao presidente galego coa que denunciaron a agresión que supón para as mulleres a re-penalización do aborto.

[Imaxes SG]
photo_camera [Imaxes SG]

Madrid adiará a tramitación lexislativa da Lei para os dereitos do concibido e da muller grávida até xuño. Así o anunciaron fontes de Génova que recolle o diario basco, Naiz. Entre as razóns que motivaron a decisión d@s populares sitúanse as fortes críticas que espertou a reforma promovida polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón. Voces contrarias á proposta mesmo no seo do Partido Popular ás que se sumou recentemente o Parlamento europeo. 

Neste senso e fronte a inminencia das eleccións europeas --que terán lugar no mes de maio-- o Partido Popular decidiu ralentizar a entrada do anteproxecto nas Cortes. Embora argüíren "cuestións técnicas" ao retraso, o certo é que o rexeitamento da medida amosado nas rúas e nas intitucións --onde o PP ficaría só na súa aprobación-- está no cerne do retraso. 

Un pano negro e un rosario contra a imposición da maternidade

Porén, organizacións políticas e movementos sociais continúan adiante co calendario de mobilizacións e campañas encamiñadas a sensibilizaren a poboación da importante agresión que suporía para os dereitos das mulleres, a aprobación da reforma do aborto. A última delas, esta segunda feira na capial de Galiza onde unha vintena de militantes do Bloque enviaron ao presidente da Xunta unha caixa baixo o lema "As mulleres decidimos". 

A acción, enmarcada na campaña da organización frontista en defensa do dereito ao aborto, visa denunciar a involución que suporá a reforma presentada polo goberno do Estado español e demanda ao líder do PPdeG "liberdade de voto" para @s deputad@s galeg@s no Congreso. 

Coa caixa que contiña un pano negro e un rosario foi entregada unha carta pola deputada do Bloque, Ana Pontón, @s militantes do BNG quixeron denunciar a carga ideolóxica do anteproxecto de lei para os dereitos do concibido e da muller grávida, unha norma que retrotrae a lexislación "máis de 30 anos" e impón a maternidade ás mulleres que non poderán decidir sobre os seus corpos, denunciaron ás portas do Rexistro da Xunta unha vintena de manifestantes. 

Faixas nos concellos contra a re-penalización do aborto

Baixo o lema "As mulleres decidimos", desde o BNG reivindica o "aborto libre e gratuíto" como parte dos "dereitos das mulleres" a decidiren sobre o seu corpo. Unha campaña que levou á organización frontista a pendurar da fachada de concellos como Poio e Pontevedra faixas que amosan o rexeitamento da reforma da lei do aborto e defenden o dereito a decidir das mulleres. Unha forma de amosar o apoio municipal á que tamén se sumou o concello de Teo. 

Comentarios