O PP acusa a presión e estuda dar marcha atrás á tesourada contra BNG e AGE

Talvez finalmente o PP non aplique as tesouras sobre a marxe de acción de BNG e AGE no Parlamento galego. Así o deixou entrever esta terza feira o portavoz da formación conservadora, Pedro Puy.

BNG-protesto
photo_camera Protesto do BNG a semana pasada

O PP acusa a presión de BNG e AGE -@s deputados da formación frentista protagonizaron unha concentración perante o Parlamento galego a pasada semana- e mostra agora a súa intención de reconsiderar o corte no número de iniciativas e tempo de intervencións dos grupos parlamentares do BNG e AGE.

A desagregación de dúas deputadas do grupo de AGE e a súa pasaxe ao grupo mixto foi a escusa empregada polo PP, que contou co amparo do PSdeG-PSOE na Mesa, para xustificar medidas que na práctica ían restrinxir a capacidade de actuación de BNG e AGE na Cámara.

Esta terza feira, Pedro Puy, após a xunta de portavoces, declarou que o PP estuda un "axuste" que visaría que non haxa grupos "que se sintan discriminados", en clara alusión a BNG e AGE.

 A razón desta ductilidade da formación conservadora moi probabelmente teña a ver coa debilidade que a día de hoxe rexistra a súa intención de voto nos inquéritos

Por parte do BNG, Francisco Jorquera dixo a Europa Press que prefire ser cauto e darlle "tempo ao tempo", a ver se con efeito se consumar o recúo conservador.  Mentres, Yolanda Díaz, viceportavoz de AGE, congratulouse de que PP e PSOE estean dispostos a "daren unha volta ao recorte democrático".

Non é o primeiro recúo da lexislatura dun PP que, embora dispor de maioría absoluta na cámara, en materia de reformas parlamentares non está a aplicar o seu programa máis duro -pese ás críticas que lle choven desde meios como o ABC, o Partido Popular praticamente ten decidido non reducir o número de deputadas e deputados a 61 e iso que Feijóo anunciou esa tesourada no verán de 2012. A razón desta ductilidade da formación conservadora moi probabelmente teña a ver coa debilidade que a día de hoxe rexistra a súa intención de voto nos inquéritos. Analistas e expertos demoscópicos acreditan que o PP comeza a ser consciente de que existen correntes de opinión na sociedade, mesmo dentro do antigo eleitorado conservador, que toleran mal determinadas actitudes autoritarias e que advogan por mudanzas democráticas nas institucións. 

Comentarios