POLÍTICA

O PP acusa o Estado de "mentir" sobre os prazos do AVE á Galiza

Política

O PP acusa o Estado de "mentir" sobre os prazos do AVE á Galiza

O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellad, advirte o Executivo de Pedro Sánchez que "a verdade sempre aflora" 
Miguel Tellado na sede do PP en Compostela (Nós Diario).
photo_camera Miguel Tellado na sede do PP en Compostela (Nós Diario).

O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, denunciou que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez "mentiu" sobre a chegada do AVE o país, xa que, "grazas á Unión Europea", transcendeu que "hai tramos que non van estar operativos até 2022 e con sorte".

"Nin Sánchez, nin o ministro de Fomento, nin a presidenta do Adif, nin o delegado do Goberno na Galiza tiveron a valentía de dicir aos galegos a verdade á cara", reprobou Tellado antes de lanzar unha advertencia a estas autoridades: "As galegas saben ler e escribir. Xa está ben da estratexia da mentira permanente porque, ao final, a verdade sempre aflora".

A continuación, Tellado queixouse de que, mentres o Goberno do Estado non proporcionaba a Galiza a información que a Xunta demandaba sobre a alta velocidade ferroviaria, si "enviaba un papel á UE dicindo que non estaría até 2022 e con sorte". "Temos un Goberno que traizoa a Galiza e as galegas, que mente de forma deliberada", censurou.

E iso que a Xunta só pretendía saber, advertiu o dirixente popular, se o AVE a Galiza estaría operativo para o Xacobeo do ano próximo, é dicir, saber se o país "podería ter en 2021 o mesmo que tivo Sevilla para a Expo de 1992, 29 anos antes".

Pero criticou que, no canto de acceder a esta petición, o PSOE "insultou e acusou de desleais" a Xunta e os populares, mentres "dicían que cumprirían cos prazos dados". "E unha vez máis, quedou claro que eles mentían e a Xunta e o PP diciamos a verdade", engadiu.

Tellado asegurou que o "desprezo" a Galiza do Executivo central tamén se evidencia noutras cuestións como a calidade do servizo ou a intención de "deixar sen servizo de venda presencial de billetes oito estacións do tren do país".

comentarios