O PP acusa a Deputación de Lugo de conceder máis de 300 mil euros a unha "asociación afín ao BNG"

A voceira do PP de Lugo, Elena Candia, acusa o goberno provincial de facer unha "xestión descaradamente partidista" e "indebida" dos fondos públicos.

O PP de Lugo acusou esta cuarta feira á Deputación de Lugo de "conceder máis de 340.000 euros a unha asociación coruñesa, onde traballan persoas afíns ao BNG".

En comparecencia de imprensa, a voceira popular lucense, Elena Candia, asegurou que o posicionamento da súa formación "non é contrario á devandita asociación" senón "ao uso que o goberno de Gómez Besteiro lle está a dar ao reparto das subvencións nominativas". Segundo @s populares, o goberno provincial está a "priorizar" entes deslocados "ás propias agrupacións provinciais". 

Aliás, denuncian que nos últimos 6 anos --desde 2008-- "unha asociación coruñesa, onde traballan persoas afíns ao BNG" percibiu axudas públicas por valor de "máis de 340.000 euros". A entidade á que se refire a portavoz do PP é a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) con domicilio na cidade da Coruña. 

Desde o PP aseguran que a Deputación de Lugo está a desenvolver unha "xestión descaradamente partidista" e "indebida" dos "fondos públicos de todos os lucenses" que, din, deberían dirixirse prioritariamente ás agrupacións da provincia. 

Comentarios