mércores 22.01.2020

O PP acumula dúas denuncias por rachar a normativa electoral antes da campaña

Un membro do BNG de Ourense denuncia ante a Xunta electoral de zona a pegada de carteis fóra de tempo en A Bola e as bandeiras publicitarias da pasada campaña que se manteñen nunha estrada de Vigo.
Publicidade electoral do PP colocada antes do inicio da campaña
Publicidade electoral do PP colocada antes do inicio da campaña

O rostro do presidente do Partido Popular e aspirante ao Goberno estatal, Pablo Casado, está presente xa nas rúas do concello da Bola. Deste xeito, os populares rachan coa normativa electoral, que impide o pegado de carteis até iniciado o período de campaña, esta medianoite. Así o entende Xosé Baltar, integrante do BNG de Ourense, que vén de denunciar os feitos ante a Xunta electoral de zona.

É a segunda denuncia que presenta contra o PP por feitos similares na carreira ao 10-N. A primeira aludía ás bandeiras publicitarias correspondentes á campaña electoral de abril penduradas ao longo da estrada de Vigo-Outariz, que quedaron sen retirar tras os comicios e que, segundo estima o denunciante, funcionan como material electoral para a próxima convocatoria, tamén fóra de prazo. 

A xunta electoral de zona, segundo confirma Baltar, non emitiu resposta a estas dúas advertencias até o momento.

comentarios