O PP acepta a oferta de Jácome e únese "de forma temporal" a xunta de Goberno de Ourense

O Partido Popular, que rachou o pacto con Democracia Ourensá o ano pasado, alega que a súa intención é "evitar a parálise" do Concello pola baixa de Telmo Ucha debido á Covid-19. Coa corentena do edil, o Goberno local quedou reducido a dúas persoas: Armando Ojea e o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
Jácome, hai unhas semanas, xunto a Feixoo e Baltar. (Foto: Europa Press)
photo_camera Jácome, hai unhas semanas, xunto a Feixoo e Baltar. (Foto: Europa Press)

O Partido Popular de Ourense anunciou hoxe a súa decisión de volver a formar parte da xunta de Goberno. A formación política asegura que este achegamento con Democracia Ourensá (DO) é só de "forma temporal" para loitar contra a "parálise" na que se atopa o Concello da terceira cidade da Galiza, en número de habitantes, debido a que o concelleiro Telmo Ucha tivo que ausentarse por terse contaxiado de coronavirus.

Os populares non falan da parálise estabelecida na urbe desde o ano pasado, cando parte da súa equipa denunciou supostas prácticas escuras de Gonzalo Pérez Jácome cos fondos de DO e tamén rachou o pacto de Goberno existente. Aluden, especificamente, á situación actual, na que o Executivo municipal quedou reducido a dúas persoas.

Se coa expulsión de parte do grupo de Democracia Ourensá, o alcalde xa tiña repartidas as competencias con só dous edís, a baixa de Ucha implicou que Armando Ojea tivese que asumir numerosas competencias máis ás súas responsabilidades.

Por iso, o propio Pérez Jácome remitiu esta segunda feira un escrito ao resto de grupos políticos con representación no Consistorio para entrar a formar parte da xunta de Goberno a fin de "non atrasar expedientes e procedementos municipais". En concreto, pediu un representante con voz e voto para que participe nas seguintes sesións, pois o regulamento municipal exixe que para aprobar expedientes e sacar adiante acordos haxa un mínimo de tres votos a favor.

Tras ese convite, os populares de Ourense explicaron, a pesar das diferenzas existentes nos últimos tempos con Jácome, o PP de Ourense adopta esta decisión "excepcional e extraordinaria" por "responsabilidade" política para garantir a xestión ordinaria do Concello, dado que "a falta de quórum para constituír a xunta local de goberno impediría o normal funcionamento".

Tamén defenden que a súa pretensión é "evitar que se cronifique aínda máis a parálise do Concello" e garantir un "mínimo funcionamento da administración municipal, no medio desta pandemia, e nunha situación de Estado de Alarma".

"Por tanto, a xestión da Covid-19 será unha prioridade, así como os asuntos sociais e todos aqueles temas que sexan esenciais para os veciños de Ourense", destacaron as mesmas fontes, que falan dun achegamento só "temporal".

Comentarios