28-M

Paula Prado insta a "acabar co desastre" do PSOE e apunta a Lourenzo como "o alcalde que merece A Coruña"

A secretaria xeral do PPdeG reuniuse con Borja Sémper e Miguel Lourenzo na cidade herculina.
Borja Sémper, Miguel Lourenzo e Paula Prado, no cemiterio coruñés de San Amaro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Borja Sémper, Miguel Lourenzo e Paula Prado, no cemiterio coruñés de San Amaro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, instou esta cuarta feira a "rematar co desastre" do PSOE "en España e na Galiza". Díxoo en declaracións aos medios de comunicación previas a unha ofrenda floral, con motivo do Día das Letras Galegas, no cemiterio coruñés de San Amaro.

Xunto ao portavoz de campaña do PP a nivel estatal, Borja Sémper, e o candidato á Alcaldía coruñesa, Miguel Lourenzo, expresou o seu apoio a este último convencida, como Sémper, de que será "o próximo alcalde" e contrapondo as propostas do PP ás do PSOE nesta cidade.

Ao fío desta cuestión, criticou o discurso do seu secretario xeral e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no acto que tivo na Coruña a finais de abril, do que dixo que acudiu á cidade herculina "pola porta de atrás".

"Nun mitin onde veu falar mal do PP e de Feixoo", reprochou a dirixente 'popular', quen cuestionou tamén que a alcaldesa da Coruña e candidata á reelección polo Partido Socialista, Inés Rei, "aplaudise" o discurso de Sánchez. "No canto de pedirlle que resolva os grandes problemas da cidade", sinalou en alusión á "inseguridade" que, segundo dixo, hai nela, ou os "problemas de vivenda".

Así, considerou que tería que falarlle reclamando "máis recursos policiais e que non aproben unha Lei de vivenda tan daniña para a propiedade privada". Igual que Sémper, aseverou que Lourenzo é o "alcalde" que A Coruña "merece".

Neste senso, o portavoz de campaña do PP estatal sinalou á Galiza como un "exemplo" para todo o Estado español e mostrouse convencido de que o PP obterá un bo resultado nestas municipais para gobernar nas cidades.

Á súa vez, Lourenzo, e con motivo do Día das Letras Galegas, asegurou que o PP concorre a estas eleccións cun proxecto de "compromiso" co galego e a cultura galega. "O idioma tennos que unir", engadiu.

Comentarios