O rexedor actual accede a ser o segundo no concello

Como é posíbel que Telmo Martín volte a ser alcalde?

IMG_0904
photo_camera Sede do concello

É unha cuestión recorrente a que percorre Sanxenxo nos últimos días. Como é posíbel que Telmo Martín (PP) volte ser o alcalde do seu concello? Dous anos despois das eleccións municipais o tripartito que gobernaba a vila (aínda que comezou como cuatripartito) estoupou dunha maneira tan directa que a agrupación que fora os últimos dous anos a oposición, o Partido Popular, pasará a gobernar Sanxenxo, en coalición cos liberais SAL. En total sumarán 12 dos 17 concelleiros que compoñen a administración local.

O pasado 19 de maio, o até agora o alcalde Gonzalo Pita asinaba un pacto de goberno co PP, no que mantería o posto de tenente de alcalde, e achegaba a posto máis alto do goberno local a Telmo Martín, líder local dos populares e exalcalde de Sanxenxo. Se todo segue o seu curso, sucederase un peculiar caso político, aquel no que un alcalde propón unha moción de censura contra si mesmo. Os representantes do BNG e PSOE, até agora compañeiros de Pita no Concello, seguen sen saír do seu asombro, ao comprobar como os seus temores finalmente se converteron no que hai dous anos parecía unha improbábel realidade. De aquel cuatripartito de SAL, BNG, PSOE e Sanxenxo Pode, pásase a un bipartito.

A comparecencia conxunta do líder popular o do líder liberal une de novo a dereita do municipio dunha maneira particularmente simbólica. Cura unha ferida feita no momento de que Catalina González fora nomeada candidata do PP, en contra do criterio de moitos dos seus militantes, o que acabaría sentando as bases da fundación de SAL. Non foron poucas as críticas, que pleno tras pleno, Telmo Martín verteu sobre o goberno local ao que agora define como “un erro”, e co que dá por pechada unha etapa na que moitos simpatizantes do PP recalaran na agrupación liberal e que agora confía recuperar para o seu seo. Pita cualifica a unión a catro bandas como un “escarmento”, agora finiquitado.

Se todo segue o seu curso, sucederase un peculiar caso político, aquel no que un alcalde propón unha moción de censura contra si mesmo

O ex alcalde fala de deslealdade por parte dos seus compañeiros. O portavoz local do BNG, David Otero, asegura que o alcalde simplemente “sucumbiu ás presións”. “A volta de Telmo Martín suporá unha volta ao pasado. Un pasado onde os poderes procedentes do sector inmobiliario e hostaleiro, digamos de pretensións especulativas, marcan a axenda”, sinala. “Telmo Martín fixo o seu traballo, que foi minar a tres dos concelleiros de SAL”.

Nese sentido, o edil do BNG defende a posición adoptada por Vanessa Rodríguez Búa, a única concelleira dos liberais que se mostrou en contra desta nova alianza. A súa postura abre tamén un conflito na agrupación, o que xa derivou na apertura de dous frontes, e que pon en perigo a continuidade como tal da agrupación. De momento, xa se sucederon dúas reunións divididas, por un lado a que mostra o seu apoio aos edís pro-PP e outra, con Rodríguez Búa como cabeza visible, a que rexeita o pacto. A até agora concelleira de Persoal e Seguridade Cidadá porá o seu escano na corporación de Sanxenxo a disposición da asemblea dos militantes do seu partido. Nun pequeno comunicado indicou que “o máis xusto e democrático é que sexa a propia asamblea de SAL a que decida sobre o destino da miña acta de concelleira”.

Botando a vista atrás, o goberno local sentiu a súa primeira gran crise interna coa ruptura do cuatripartito, cando o agora concelleiro no adscrito Roberto Agís bloqueou o orzamento de 22 millóns de euros proposto polo equipo de goberno, ao non absterse (co que se contaba) e votar xunto cos populares ao seu rexeitamento. Aquel día, Agís votou dúas mocións máis do que os de Telmo Martín. O concelleiro non adscrito fixera pública a súa demisión en abril como parte do equipo de goberno, pero non renunciara a súa acta de edil; o que fixo empatar o número de actas entre oposición e concello. Naquel momento, negou o seu apoio aos populares.

IMG_0894“Cando as eleccións a xente pensou que votaba a Podemos. Meses despois chegou a renuncia, e logo de ser declarado tránsfuga buscou a posibilidade de poder propiciar unha moción de censura”, explica David Otero sobre este asunto. “O esperpento é absoluto neste Concello”. O substantivo asociado a Valle-Inclán é unha das palabras que máis se repite entre as filas nacionalistas e socialistas. O portavoz do BNG explicou a Sermos Galiza que a crise do último ano derivou e estoupou nesta ruptura, mais deféndese da deslealdade da que Pita fala nas súas comparecencias. Otero aponlle ao líder de SAL un aura “presidencial”, o que ocasionou unha convivencia política moi difícil, na que o alcalde estaría por riba dos demais, e non asumiría a compensación de forzas, vendo o PSOE e o BNG coma “súbditos ou asesores”. “Todos asumimos o noso papel menos Pita”, finalizou o portavoz nacionalista.

Cando será Telmo Martín alcalde? Non hai data exacta, aínda. Espérase que Gonzalo Pita presente a súa renuncia nos próximos días, coincidindo co pleno ordinario do día 29; no que, en teoría, deixaríase de alcalde provisional Daniel Fernández ata que se convocara un pleno extraordinario no que o líder do Partido Popular, Martín, chegará a alcaldía. A partir dese pleno ordinario, habería dez días hábiles para esa investidura.

O BNG quixo manifestar a preocupación de que este cambio de goberno coincida nunhas datas tan importantes como son as semanas previas ao verán sanxenxino, período no que se converte nun dos puntos máis importantes de toda a comunidade galega, tanto en poboación coma en riqueza económica. “Temos medo que as decisións que se tomen trala toma de posesións das concellerías se fagan con presa e teñan a tentación de realizar os trámites dunha maneira acelerada. O BNG estará atento e denunciaremos todas aquelas accións que nos lembren un pasado que algúns xa vivimos neste concello”.

Comentarios