O sector de CxG que rexeita coligarse co PNV se este se asocia con CiU defende ir en solitario

Após o anuncio de ERC que anunciou non formar coligación con CiU ás europeas, o sector de CxG que rexeita asociarse c@s independentistas catalás apostará por "ir en solitario" ou defender "unha candidatura galega". 

compromiso
photo_camera Imaxe CxG

A Convención nacional electoral de Compromiso por Galicia debaterá tres propostas para unha posíbel alianza ás europeas. Até o momento semellaba que a opción con maiores posibilidades, a de candidatarse de maneira conxunta co Partido Nacionalista Vasco (PNV), contaba co apoio da maior parte da militancia. Porén, fontes consultadas por Sermos Galiza aseguraron que un bo número de militantes rexeitan esta coligación de se incorporar CiU á candidatura. 

E é que a proposta lanzada polo portavoz do Goberno basco e membro da dirección do partido jetzale, Josu Erkoreka, á dirección de CiU para repetir a coligación das eleccións de 2009 non callou ben entre as bases de Compromiso pois, din, un número non pequeno de militantes --entre @s que se atoparían responsábeis comarcais e mesmo representantes institucionais-- rexeita esta posibilidade. As razóns: que "os recortes" aplicados pola formación liderada por Artur Mas desde a Generalitat de Catalunya e "os dirixentes encausados e procesados por corrupción" non "casan co discurso de Compromiso", apuntan as mesmas fontes. 

Unha candidatura en solitario

Neste senso, e após coñecer a decisión adoptada por ERC, a militancia de Compromiso defenderá presentarse "en solitario" ás europeas. Segundo puido saber Sermos Galiza, este sector coida que "a estratexia debe ser diferente" polo que defenderán na Convención nacional deste sábado formar unha candidatura propia de cara aos comicios de maio. 

Para isto, será preciso recompilar 15.000 avais algo que entenden, "pode ser unha oportunidade para darnos a coñecer". Segundo as fontes consultadas por este medio, a militancia de Compromiso di que a formación galeguista "se reforzou" nos últimos meses polo que rexeitarían tomar parte da mesma candidatura que CiU para "non hipotecarnos nas municipais", sinalan. 

Aliás, desbotaron a posibilidade de apoiaren a candidatura impulsada por Pablo Iglesias. 

Unha candidatura galega

No entanto, as fontes consultadas por Sermos Galiza aseguran que a militancia da formación galeguista continúa a apostar maioritariamente pola conformación dunha candidatura unitaria galega integrada polo BNG, Anova e Compromiso. Porén, esta hipótese non é, a día de hoxe, moi verosímil.

Pola súa banda, o BNG continúa adiante coas súas negociacións tendo como opción preferente a coligación coas organizacións nacionalistas de esquerda de Euskal Herria -EH Bildu- e Catalunya -ERC. 

Comentarios