Portavoz do PP en Ourense interrompe a berros de “terrorista” a unha concelleira do BNG

Rosendo Fernández interrompeu a edil Ximena González cando estaba na súa quenda de palabra para chamarlle “terrorista” e ensinar unha foto da concelleira cun grupo de persoas entre as que estaba un detido acusado de ser de RG.

photo_camera Ximena González

O portavoz do PP de Ourense, Rosendo Fernández, chamou “terrorista” a unha concelleira do BNG en Ourense, Ximena González, no debate sobre a organización e regulación dos novos distritos da cidade das Burgas. A edil nacionalista levaba unha camisola cun lema denunciando a corrupción do Partido Popular.

Cando González estaba na súa quenda de palabra, o portavoz do PP interrompeuna a berros, segundo relata Europa Press, e increpouna: “Terrorista, mírate, mírate na foto con terroristas” Mentres, o portavoz do PP ensinaba unha fotografía na que R. A, detido hai dous meses e en prisión preventiva como presunto autor do estoupido de Baralla, aparecía sentado nunha cadeira diante doutras persoas, entre as que estaba a concelleira.

Rosendo Fernández dixo lamentar ter que compartir corporación municipal “con terroristas”. A concelleira do BNG cualificou de “lóxica delirante” a actuación do portavoz do PP, e sinalou que a fotografía correspondía a un acto de defensa de dereitos humanos das persoas presas e afirmou que partilla actos “con moita xente”.

Comentarios