O portavoz do BNG en Ourense demite en aplicación do código ético da formación

O portavoz do BNG no concello de Ourense, Xosé Somoza, demitiu ao ser imputado por prevaricacion nun caso que a formación frentista cualifica de puramente administrativo. O Bloque expresa a súa sorpresa por que se impute a Somoza por un asunto relativo a unha área de xestión do PSOE.

BNG_Ourense
photo_camera Xosé Somoza


 

Somoza limitouse a asinar facturas en relación a unhas asistencias técnicas contratadas polo concello antes de el asumir as súas funcións no goberno municipal. Aliás, é imputado neste caso e o concelleiro, en aplicación do código ético da formación frentista, optou por deixar o cargo.

O Consello Local do BNG emitiu un comunicado a meio do cal "agradece e respeita a decisión adoptada polo compañeiro Xosé Somoza". Entende o órgao de dirección nacionalista na cidade de Ourense que o caso que provoca a marcha do concelleiro é "unha cuestión administrativa", situada "fóra do ámbito da súa responsabilidade". A demisión prodúcese, enfatiza o Consello Local, "para non danar a súa organización".

O BNG remarca que a orixe do asunto se sitúa nunha área de xestión, persoal, que nunca estivo baixo a súa responsabilidade

O Bloque remarca tamén que en ningún caso se está a imputar a Somoza "un ilícito penal" e que, aliás, neste momento o caso está en fase de investigación e que a imputación se produce para o concelleiro contribuír os "feitos".

O BNG ve sorprendente que se produzan "imputacións xeneralizadas" e "sen distincións de quen exerce a responsabilidade", nen tampouco do tempo "en que se produciu a mesma". E é que a orixe do asunto que deriva na imputación de Somoza se sitúa nunha área de xestión -persoal- "que nunca estivo baixo a responsabilidade do BNG", resalta a formación nacionalista.

Comentarios