Ás portas do ecuador do mandato local: 24 concellos galegos cambiaron de rexedor

Case dous anos despois da investidura das formacións locais galegas, 24 municipios cambiaron de rexedora ou rexedor. As causas van desde as renuncias por motivos políticos,de saúde, pasamentos ou razóns persoais.
Papeletas no colexio CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol (Foto: Europa Press)
photo_camera Papeletas no colexio CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol (Foto: Europa Press)

Desde o 26 de maio de 2019 até o día de hoxe, case no ecuador do mandato (que formalmente chegará o 15 de xuño) 24 dos 313 concellos galegos cambiaron de alcaldesa ou alcalde, afectando así a máis de 160.000 veciñas e veciños.

Cinco destes cambios chegaron pola vía da moción de censura, mais tamén houbo renuncias por motivos políticos, falecementos e outras razóns. Entre as máis recentes está a do socialista José Miñones, alcalde de Ames, na comarca de Santiago, para asumir a Delegación do Goberno. Actualmente, Blas García é o rexedor de Ames.

O primeiro concello que viviu un dos primeiros cambios de rexedor foi Baralla, na comarca dos Ancares. O popular Miguel González asumía o posto de alcalde que ostentaba seu pai, Manuel González Capón, cando este, quince días despois de tomar posesión do seu cargo, renunciaba  por mor dunha enfermidade que padecía e pola que faleceu aos tres días despois deste feito.

No territorio nordeste do pais, outros dous concellos cambiaron de rexedoras, o de Mondoñedo e Monterroso.

En Mondoñedo, a actual deputada e presidenta provincial do PP, Elena Candia, deixaba o bastón de mando en mans de Manuel Otero para acompañar a Feixoo nas listas das últimas eleccións galegas.

As crises de goberno rexistradas en Monterroso acabaron cando Rocío Seijas, de Independentes por Monterroso (IxM), substituíu a finais de xullo de 2020 na Alcaldía a Antonio Gato.

Mocións de censura e renuncias

Na zona noroeste da Galiza, sete foron os municipios que cambiaron de rexedor, afectando a máis de 71.000 veciñas e veciños. Dous destes cambios chegaron ao prosperar unha moción de censura nos concellos de Fene e Mugardos. A principios deste mes, edís non adscritos co apoio de PP e APIN tentaron tamén impulsar unha moción de censura en Ponteceso, pero freouna a lei antitransfuguismo e o rexedor, Lois García Carballido, mantén o bastón de mando.

Outros catro cambios nesta zona producíronse após as renuncias de rexedores por diversos motivos. Manuel Mirás, alcalde de Oroso, na comarca de Ordes, renunciou e deixou o cargo ao tamén socialista Luís Rei. Tamén nesta comarca, no concello de Cerceda, o socialista Juan Manuel Rodríguez substituíu en 2020 a José García Liñares, que gobernou o municipio durante case 25 anos, e dimitiu despois de ser inhabilitado por un delito de prevaricación administrativa.

Por motivos persoais renunciou no seu día e tras 41 anos no cargo o rexedor de Brión, na comarca de Santiago, o socialista José Luís García, cuxo cargo asumiu o seu até entón número dous, Pablo Lago.

Finalmente, en Mañón, na comarca de Ortegal, asumiu a Alcaldía o pasado mes de febreiro o popular Alfredo Dovale após o falecemento por enfermidade de Alfonso Balseiro.

Substitucións e mocións  

Nestes dous anos, na zona sueste da Galiza, case 14.500 veciñas e veciños de sete concellos viron como as súas alcaldías cambiaron de dirixentes por distintos motivos. O primeiro destes cambios tivo lugar no Irixo, no Carballiño, onde o popular Manuel Cerdeira ocupou a Alcaldía após o falecemento do que fora rexedor durante máis de 30 décadas, Manuel Penedo

Despois da cita coas urnas de maio de 2019, en Laza, na comarca de Verín, un pacto entre o PSOE e Xuntos por Laza permitiu a investidura do socialista Jesús Blanco. Con todo, após un ano de mandato optou por presentar a súa renuncia acusando os seus socios de "obstrucionismo". Coa súa marcha, o PP recuperou o bastón de mando.

Neste tempo, saíron adiante tres mocións de censura neste territorio do sueste da Galiza. En concreto, en Castrelo de Miño, na comarca do Ribeiro, o popular Avelino Pazos logrou facerse coa Alcaldía após un pacto con dous ex-concelleiros do PSOE, un acordo que apartou ao rexedor do BNG, Esteban Suárez. Na mesma comarca, en Ribadavia, a socialista Noelia Rodríguez converteuse a alcaldesa ao apoiar Ribeiro en Común unha moción contra o popular César Fernández.

Ademais, os veciños de Viana do Bolo verán pasar até tres alcaldes pola Casa Consistorial neste mandato. Aínda que após as eleccións un pacto entre BNG e PSOE posibilitou a investidura do nacionalista Secundino Fernández, dous dos concelleiros socialistas abandonaron o PSOE para pactar unha moción de censura. O acordo inclúe que o actual alcalde Abelardo Carballo, exsocialista, e o popular Andrés Montesinos se repartan a Alcaldía.

Pola súa banda, en  San Amaro, na comarca do Carballiño, a socialista María del Carmen Pérez Curral presentou a súa dimisión por razóns persoais, o que deu lugar a que o tamén socialista Rubén Gómez fose investido alcalde. Queda por ver se os socialistas e Xuntos por San Amaro cumprirán o acordo polo que tamén se prevé que proximamente rolden o bastón de mando. Ademais, a elaboración da candidatura ourensá do PP para as eleccións galegas  do pasado ano provocou cambios de alcalde en dúas localidades da zona: Bande e Cenlle.

Defuncións e motivos de saúde

Na zona suroeste do páis producíronse cambios nas alcaldías de sete concellos que suman unha poboación total de máis de 66.000 habitantes. En Cangas do Morrazo, a morte de Xosé Manuel Pazos motivou que accedese á Alcaldía Victoria Portas, tamén de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE). Ademais, unha enfermidade apartou do cargo ao rexedor de Ponteareas, Xosé Represesas (BNG) polo que a primeira tenente de alcalde, Cristina Fernández, exerce en funcións o mando.

Tamén dimitiu por consello médico o rexedor de Dozón, na comarca de Deza, o popular Adolfo Campos, quen tras 33 anos na Alcaldía foi relevado no cargo polo seu fillo, Adolfo Campos Vázquez. Pola súa banda, en agosto de 2020, o socialista Francisco Costa anunciou que presentaba por motivos persoais a súa renuncia como alcalde de Vilaboa, un cargo que pasou a ocupar César Poza, tamén do PSOE.

Tamén un ano despois dos comicios, o que fose alcalde socialista de Catoira, Alberto García recuperou a Alcaldía pese ao fracaso dunha moción de censura presentada despois dun acordo do seu grupo co PP local contra o rexedor do Bloque, Xoán Castiñeiros.

O nomeamento da alcaldesa de Moraña, na comarca de Caldas, Luisa Piñeiro, como delegada da Xunta na provincia motivou un cambio na alcaldía deste municipio. Con todo, após ser condenada por prevaricación e fraude en relación a unhas obras nun campo de fútbol tivo que presentar a súa dimisión. Coa súa marcha, o Goberno galego volveu optar por outro alcalde para o cargo, neste caso o de Rodeiro Luís López, quen tamén tivo que deixar o bastón de mando noutro compañeiro de filas.

Ás portas de rotar de rexedora

Coa chegada do ecuador do mandato, en seis concellos galegos cobran protagonismo os acordos para cambiar de rexedora nos próximos días. En Toques (Terra de Melide) e Salceda de Caselas (Vigo) non se auguran problemas para o cambio, pero a situación é distinta en Santa Comba, onde os problemas entre os socios comezaron case desde o principio e o conflito está nun punto álxido. Queda por ver tamén se o acordo cumprirase en San Amaro (Carballiño) e Viana do Bolo (Viana). Ademais, en Vila de Cruces (Deza), nin sequera hai consenso en que o pacto, do que non hai nada por escrito, chegase a producirse algunha vez.

Comentarios