Portais e portóns xiratorios

Alén da mediática fichaxe do madrileño Miguel Carmona por Iberdrola, a Galiza ten longa traxectoria de portas xiratorias. O máis recente é o caso de Beatriz Mato, ex conselleira con Feixoo de Medio Ambiente e agora conselleira de Greenalia. A fichaxe de José Blanco (PSOE) por Enagás e as de Isabel Tocino e Del Álamo (PP) en Ence son paradigmáticas. 
Beatriz Mato, Isabel Tocino, Carlos del Álamo ou José Blanco ilustran as portas xiratorias de onte e hoxe (Foto: Nós Diario)
photo_camera Beatriz Mato, Isabel Tocino, Carlos del Álamo ou José Blanco ilustran as portas xiratorias de onte e hoxe (Foto: Nós Diario)

A fichaxe do socialista madrileño Antonio Miguel Carmona como vicepresidente de Iberdrola desatou unha onda de críticas contra as portas xiratorias que conectan  Gobernos con grandes empresas. Alén do mediático do caso, o deste socialista caído en desgraza no partido (foi defensor de Susana Díaz nas primarias contra Pedro Sánchez), que non ocupou Ministerios nin Consellarías, fica moi lonxe da profundidade das portas xiratorias na Galiza.

No país, o caso máis recente é o de Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente (2015-2018) con Alberto Núñez Feixoo. En 2020 fichou como conselleira executiva da eléctrica Greenalia, empresa con rápida expansión nos últimos anos a consecuencia das concesións da Xunta. A Consellaría de Mato outorgou a Greenalia autorizacións legais para a posta en marcha de proxectos como o da planta de biomasa en Teixeiro (Curtis). A planta, insignia da empresa, librouse en xullo de 2017 de “someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común”, dado que a Consellaría non o considerou necesario.

O proxecto contou con financiamento a cargo dos fondos europeos que sufragou 50% do investimento.  

Ademais, a fichaxe de Mato por Greenalia anunciouse sen ter en conta o tempo marcado pola Lei de incompatibilidades da Galiza, que estabelece que non se pode dar o salto a unha empresa privada relacionada con expedientes sobre os que se ditasen resolucións até transcorridos dous anos de deixar o cargo na Xunta.  Mato tamén forma parte do Consello de Administración de Euskaltel e da empresa de xestión do ciclo da auga Gestagua.

As eléctricas son as máis demandadas. En Red Eléctrica foi conselleiro Arsenio Fernández de Mesa (2017-2021). Previamente foi delegado do Goberno español na Galiza con José María Aznar e director xeral da Garda Civil con Mariano Raxoi. 

Ecoener, grupo galego de enerxías, ten na dirección tres altos cargos de Aznar: os ex ministros Eduardo Serra e Ana Palacio, e Carlos González-Bueno, ex subsecretario de Estado en varios Ministerios e director da Oficina Española de Patentes e Marcas.

Isabel Tocino, a ministra de Medio Ambiente con Aznar que planificou a venda de Ence, senta no máximo órgano da empresa. A pasteira nomeou en 2019 Carlos del Álamo como conselleiro coordinador, mais xa entrara no cumio da empresa en 2009. Foi o máximo responsábel da política ambiental da Xunta cando a privatización de Ence e polas súas mans pasaron importantes decisións que beneficiaron a empresa.

Comentarios