28-M

Pontón chama a lograr "un resultado histórico" para o BNG nun mitin en Lalín

Pontón considera que hai dúas cuestións que fai dos gobernos municipais nacionalistas un exemplo de calidade. A primeira, que o Bloque pensa Galiza e os concellos en grande, “sen pórse límites”; segunda, o amor e a confianza no país.
Vilariño e Pontón esta sexta feira en Lalín (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vilariño e Pontón esta sexta feira en Lalín (Foto: Nós Diario).

Primeiro mitin de campaña en Lalín para o BNG, onde a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, puxo o modelo municipal de éxito do BNG como o mellor aval para pedir a confianza da veciñanza o 28-M e estender ese modelo de prestixio por toda Galiza. “No BNG queremos construír unha Galiza en grande concello a concello”, proclamou.

“Presentámonos a estas eleccións co orgullo de poder dicir que temos un modelo municipal que funciona, que transforma a realidade, que mellora a vida das persoa e que converte concellos antes decadentes en referentes de calidade dentro e fóra do país”, explicou na capital do Deza, “porque os nosos alcaldes e alcaldesas non están aí para quentar a cadeira, senón para suar a camiseta!”.

Pontón considera que hai dúas cuestións que fai dos gobernos municipais nacionalistas un exemplo de calidade. A primeira, que o Bloque pensa Galiza e os concellos en grande, “sen pórse límites”; segunda, o amor e a confianza no país. “O meu soño é facer realidade esa Galiza en grande como xa facemos nos concellos onde gobernamos”, proclamou a portavoz nacional.

"Unha Galiza grande"

Neste sentido, Pontón defende unha Galiza grande na sanidade, fronte a un Goberno do PP convertido nun perigo para a saúde da cidadanía, “quero construír unha Galiza cunha sanidade forte e libre de recortes, devolverlle á sanidade pública os 2.339 millóns de euros en atención primaria suprimidos polo PP desde 2009”. A líder do Bloque tamén quere unha Galiza en grande que aproveite a súa riqueza eléctrica.

“Fronte a un PP e a un PSOE que apoian o espolio eólico por terra e agora tamén por mar, o país que quero liderar colocará a riqueza eléctrica a favor da Galiza, apostando pola transición enerxética, pero xusta e democrática, que beneficie á maioría social frote a un PP que Goberna para ao lobby eléctrico.

Pontón tamén quere construír unha Galiza en grande para a mocidade, “acabar dunha vez por todas coa sangría da emigración, darlle a xente nova traballos dignos que lle permitan desenvolver os seus proxectos de vida aquí, en Lalín, ou en calquera outro concello do país”.

“Sei que esa Galiza en grande é posíbel e quero facela realidade, no BNG queremos facela realidade, e esa Galiza en grande vai empezar a construírse concello a concello a partir do 28-M”, recalcou, ao tempo que criticaba o intento das forzas estatais de facer dos concellos “o seu partido previo da liga estatal”.

"Devolver Lalín á xente"

Pola súa parte, o candidatio á Lacaldía de Lalín, Paco Vilariño asegurou que o BNG no vindeiro goberno de Lalín “vai ser quen de darlle esperanza á xente”. O candidato asegurou que concorre a estas eleccións “coa mellor candidatura con diferenza, unha candidatura de mulleres e homes valentes, preparados, dispostos a dar o mellor de sí para devolverlle Lalín á xente”.

Vilariño asegurou que o BNG na Alcaldía o vindeiro mandato fará “un Lalín de iguais, un Goberno sen filias e fobias, onde só prime o traballo polos veciños e veciñas, e non os favores aos amigos”.

Comentarios