Pontón: "Non celebramos unha Constitución que se usa como arma contra a diversidade"

A portavoz nacionalista do BNG e líder da formación asegurou no acto da formación en Bonaval que a actual Constituación é garante dun "centralismo" que "produce asimetrías e desigualdades". No seu discurso criticou a postura do PSdeG ante os orzamentos xerais do Estado para 2021 "facendo a ola a uns orzamentos que nos maltratan".
Acto do BNG en Bonaval o 6 de decembro de 2020 (Imaxe: BNG).
photo_camera Acto do BNG en Bonaval o 6 de decembro de 2020 (Imaxe: BNG).

"Nós celebramos a nosa vontade de existir, de ser, de estar no mundo desde nós. A nosa vontade de construír a Galiza do futuro, unha Galiza máis forte que a de hoxe", expresou hoxe a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no marco dun acto que decorreu no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.

Na súa intervención, a líder da oposición reivindicou que as e os nacionalistas non ven nada que celebrar nunha Constitución española que "se emprega como arma contra a diversidade, os dereitos e a propia existencia da Galiza como nación". Xunto a ela estivo o deputado no Congreso Néstor Rego, quen renuncio a asistir ao acto organizado pola Cámara Baixa.

Pontón chamou a mover o "centro de gravidade" ante un "centralismo" que "produce asimetrías e desigualdades". Ante este contexto, apelou a camiñar cara a "un futuro galego e republicano, de igualdade, xustiza social, desenvolvemento económico, emprego e dereitos para todos".

O BNG, subliñou, persistirá "cuestionando o réxime". Nese senso, a súa portavoz nacional considerou preciso que se manteña un debate arredor da "sacralización" da Constitución, transformada "en reliquia a que adorar" por parte dos "partidos estatais".

Para a portavoz nacional do BNG, Madrid actúa como "unha apisoadora" que concentra e "absorbe" o investimento do Estado, "as grandes empresas" e tamén o "talento". Unha posición reforzada e mesmo "blindada" pola Constitución. "Isto non acontece nos estados realmente descentralizados como Alemaña", sentenciou Pontón.

Orzamentos Xerais do Estado

A portavoz nacionalista asegurou no seu discurso que os orzamentos estatais de 2021 son peores que os do PP, cando esta formación "xa discriminaba Galiza". "Non obstante, dous anos despois presentan unhas contan que baixan 104 millóns os investimentos para Galiza mentres estes soben en Catalunya, Valencia ou Ancalucía até 57", alertou.

A líder da oposición lanzou unha mensaxe ao PSdeG. "É triste ver aos socialistas galegos facendo o mesmo papel que o PP cando gobernaba Raxoi, dar por boa a discriminación a Galiza facendo a ola a uns orzamentos que nos maltratan", remarcou.

Comentarios