40º da loita contra a central nuclear

Pontón: “O Xove de hoxe chámase Ferrotlántica”

O BNG conmemorou na mañá do sábado o 40º aniversario da marcha a Xove, a loita de mulleres e homes que foron quen de frear a instalación dunha central nuclear nese concello. A portavoz nacional, Ana Pontón, chamou a recuperar o espírito de Xove para impedir a venda de Ferroatlántica.

2017042914091056130

O 10 de abril de 1977, máis de oito mil persoas percorrían 13 quilómetros entre Viveiro e Xove contra a central nuclear que pretendían instalar no país. O nacionalismo desenvolveu un papel fundamental nunha das mobilizacións máis emblemáticas de Galiza. De aí que o BNG lembrara na mañá deste sábado a loita social cun acto organizado en Caínzos, no concello de Xove.

A homenaxe do Bloque contou coa participación de veciñas e veciños que tomaron parte dos protestos. É o caso de Xosefa Domínguez, ou de Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, membro dunha as asociacións culturais que foron claves na batalla contra ás eléctricas, así como do histórico activista agrario Antonio Oca.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, salientou a “vixencia de seguir loitando para evitar o espolio dos recursos naturais deste país, como pretende o grupo de empresas de Villar Mir, agora imputado nun caso de corrupción do PP, coa venda ilegal das centrais eléctricas do Xallas”.

“O Xove de hoxe chámase Ferroatlántica, a loita contra a nuclear de Xove hai corenta anos é similar á que hoxe libra a Costa da Morte contra a intención de Ferroatlántica de vender ilegalmente as centrais eléctricas do Xallas para facer caixa e tapar débedas do grupo fora de Galiza”, afirmou a nacionalista, que cargou contra un presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “mira para outro lado e parece empeñado en usar Galiza para pagar favores do PP”. “A mobilización social volve ser imprescindíbel para ganar esa loita, hoxe en CEE e Dumbría, como hai 40 anos en Xove”, engadiu.

A portavoz nacional do BNG puxo de manifesto que a formación política “está do lado do emprego na Costa da Morte, do lado dos intereses das galegas e galegos, do lado de que sexa Galiza quen se beneficie dos nosos recursos naturais, dos recursos enerxéticos e non, como se fósemos unha colonia, unha multinacional presidida por un empresario investigado por financiamento ilegal do PP”.

No acto conmemorouse a histórica mobilización cunha placa, con actuacións musicais e cunha exposición inaugurada na biblioteca do Concello de Viveiro.

Comentarios