Pontón voa a Madrid para asinar o acordo co PSOE

Os socialistas ábrense a compromisos en demandas do nacionalismo da 'axenda galega' como a AP-9 ou recoñecemento territorial.

Rego-Lastra

Horas de vertixe. Após días nos que os contactos entre PSOE e BNG entraran en certo ‘impasse’, estas últimas horas están a ser de velocidade política. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saíu cara Madrid após a Executiva Nacional desta sexta feira para, canda o deputado no Congreso, Néstor Rego, ultimar o acordo cos socialistas.

Á espera de que os representantes nacionalistas comparezan esta tarde, o que se sabe é que houbo avanzos importantes en cuestións como a AP-9, loita contra a violencia de xénero, política industrial e infraestruturas.

Executiva

“Seguimos negociando”. A portavoz nacional, Ana Pontón, dirixiuse así aos medios de comunicación que agardaban ás portas da sede nacional do BNG, en Compostela, para coñecer do debate da Executiva nacionalista e o estado das conversas co PSOE sobre a investidura de Pedro Sánchez.

A negociación lévaa directamente o deputado no Congreso, Néstor Rego, lembrou Pontón, que incidiu en que o nacionalismo ten “disposición ao diálogo” mais que este debe ter uns “compromisos” coa “axenda galega” para que se traduza nalgún tipo de apoio.

“É importante que se constitúa un goberno”, indicou, mais este debe de partir de compromisos dar “resposta” a necesidades de Galiza. Non mencionou ningunha en concreto, mais apuntou que a presenza dun deputado do BNG no Congreso demostra que está a servir para “poñer Galiza” no debate.

Comentarios