Pontón visita as obras paralizadas do AVE en Ourense

Anos de abandono, proxectos orzamentados mais non executados. Ese é o retrato que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fai do estado das obras do AVE en Ourense. A líder nacionalista pisou o terreno esta cuarta feira e botou de menos unha presenza, a do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna.

Visita Ana Pontón obras AVE paralizadas Ourense (2)
photo_camera Ana Pontón, ao fronte dunha nutrida delegación do BNG, na visita ás obras paralisadas do AVE en Ourense

De la Serna estivo esta terza feira en Ourense, mais non apareceu polos tramos abandonados do AVE en Ourense. Quen si o fixo e precisamente para denunciar a ausencia do ministro nese enclave foi a líder do BNG.

“Hoxe tiña que estar neste lugar o ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, porque non hai obras do AVE neste tramo e son necesarias para modernizar o ferrocarril en Galiza”, enfatizou Ana Pontón, quen estivo acompañada na visita pola tamén parlamentar no Pazo do Hórreo Noa Presas, ben como polos alcaldes de Allariz e Baños de Molgas -Francisco García e Xaime Iglesias, respectivamente- e responsábeis do BNG ourensá.

Pontón ligou a parálise das obras do AVE co descenso dos orzamentos para Galiza, o que ten baptizado estes días como Recortazo, tesourada que é especialmente significativa na provincia de Ourense. Segundo a nota de imprensa servida polo Bloque, neste territorio galego o descenso das contas estatais é de 36 por cento, 274 millóns de euros menos (a parte do león da redución precisamente polo AVE).

A líder soberanista puxo a énfase en denunciar que unha cousa é que nos orzamentos aparezan determinadas partidas -previsión de créditos a asinar pola administración do Estado para financiar a realización de obras- e outra ben distinta é que eses fondos finalmente se invistan e os proxectos se executen.

Nun plano máis xeral, a portavoz nacional do Bloque criticou que, mentres o Goberno Rajoy retalla os investimentos na Galiza en 30 por cento, aumente, en troca, o orzamento de Defensa en 7 mil millóns de euros.

Acordo das forzas políticas e plano de investimento para Ourense

Avanzou tamén Pontón que no próximo pleno do Parlamento galego demandará a Feijóo que se sume a un pacto das forzas políticas galegas contra o Recortazo -o PP valenciano acaba de facer o propio na súa comunidade autónoma-, ao tempo que anunciou que o BNG proporá un plano de investimentos para Ourense "para atender á situación acelerada de despoboamento e precariedade no emprego. Con investimento público pode xerarse emprego de calidade no sector agrogandeiro, turístico ou termal así como riqueza cultural”.

Comentarios