Pontón vindica “un novo status político” para Galiza

Unha cadea humana arredor do Museo do Pobo Galego serviu esta sexta feira, 6 de decembro, ao BNG para reivindicar o dereito de autodeterminación dos pobos, na xornada que conmemora o 41º aniversario da Constitución. O de Compostela foi un acto simbólico con numerosos integrantes e simpatizantes, no que a portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou “unha Galiza forte con status de nación e autogoberno real para mellorar a vida das persoas”.
BNG. Acto Día da Constitución.Cadea humana polo dereito de autodeterminación dos pobos
photo_camera Acto reivindicativo do BNG no Día da Constitución (BNG)

“Queremos unha Galiza máis forte e con autogoberno real para mellorar as condicións de vida dos e das galegas e das persoas que decidan vir para aquí.  Por iso reclamamos un novo status político para Galiza, que nos recoñeza como unha nación e que nos dea novas ferramentas e capacidade de decisión real, para poder facerlle fronte aos desafíos e necesidades da Galiza do século XXI”, sinalou Pontón na comparecencia, logo de lembrar a “friaxe” coa que a Constitución foi acollida en Galiza en 1978.

Da Carta Magna, a portavoz nacionalista advertiu que "blinda os privilexios duns poucos, pero non serviu para evitar a emigración da mocidade, que os nosos maiores estean á cola en pensións, nin garante dereitos básicos como o emprego, a vivenda ou o uso normalizado do idioma propio", e alertou da “sacralización” que promoven aqueles poderes que queren que todo siga “atado e ben atado”. 

Unha Constitución "centralista"

A líder nacionalista incidiu en que o problema “é a dependencia” potenciada por unha Constitución que propicia, dixo, un deseño centralista. “Está demostrado, canto máis centralismo, máis desigualdade. A resposta ao centralismo e á desigualdade que provoca é confiar nas nosas propias forzas, confiar no BNG”, propuxo.

Na intervención, Pontón tamén recriminou que a esquerda española permitira, "por réditos electorais", o avance da extrema dereita, “que pretende ilegalizar a forzas como o BNG, ilegalizar o noso idioma e as nosas institucións”.

Pola súa banda, o deputado Nestor Rego debullou como eixos da acción política do BNG na Cámara baixa a defensa dos intereses dos e das galegas, dos seus dereitos sociais e nacionais e da democracia. “Ningún problema ficará sen a defensa do BNG”, subliñou, citando cuestións como a demografía, as baixas pensións, a derrogación pendente da Lei mordaza, da LOMCE ou das contrarreformas laborais.

"As mulleres temos dereito a parir onde queiramos, non onde nos diga Feixoo"

"Este 6 de decembro celebramos que o pobo galego quere ter en Madrid unha forza política para defender os intereses nacionais, sociais e democráticos do noso país", manifestou Rego, que emprazou a "tirar a Feixoo e ao PP da Xunta de Galiza" en 2020 para facer "políticas alternativas”.

A portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, fixo un alegato en defensa dos dereitos dos pobos, da igualdade e do feminismo cunha mención ás mobilizacións para recuperar servizos no Hospital de Verín: “Porque as mulleres temos dereito a parir onde queiramos, non onde nos diga Feixoo”. O secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, destacou a “inutilidade” dunha Constitución que "non garante os dereitos da xente moza".

Comentarios