Pontón ve nun Goberno liderado polo BNG a garantía de botar Ence da ría

O nacionalismo sinala Pontevedra como exemplo do "cambio galego"
Ana Pontón e Luís Bará na presentación da candidatura do BNG en Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Luís Bará na presentación da candidatura do BNG en Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)

Só apostando por un proxecto propio, que confíe nas potencialidades do país, é posíbel "derrotar as políticas regresivas e centralistas do PP", sinalou onte en Pontevedra Ana Pontón, candidata do BNG a presidir a Galiza. "Fixémolo en Pontevedra e o 5 de abril temos a oportunidade de estendelo desde o Goberno da Xunta", afirmou a líder nacionalista.  

Pontón, que presentou a candidatura do Bloque por Pontevedra, a cal encabeza o actual deputado Luís Bará, presumiu de que a cidade do Lérez constitúa "un exemplo do cambio galego e de bo Goberno". En relación ás propostas para o concello, a candidata salientou que "Pontevedra terá nun Executivo liderado polo BNG o máis fiel aliado para "dar a batalla definitiva" que permita sacar a pasteira Ence da ría", e animou Alberto Núñez Feixoo a enviar o seu currículo ao complexo contaminante "para que o acollan a partir do 5-A, porque a Galiza precisa unha presidenta que pense nos intereses do país e non nos da multinacional". 

A candidata do Bloque tamén fixo referencia a outras cuestións que inclúen como prioritarias para a cidade: rexeneración do Lérez, novo sistema de depuración, a variante de Alba e a mellora da rede viaria que conecta Pontevedra cos concellos veciños, así como acelerar a posta en marcha do novo hospital Montecelo e dotar a cidade de novos equipamentos sociais.

Pola súa parte, Luís Bará asegurou que o BNG aspira a liderar o cambio que precisa a Galiza e sae a gañar con moi boas perspectivas, asegurou. "Temos proxecto, temos persoas, somos o equipo A! como din todos os nosos símbolos, o equipo de Ana Pontón, o equipo da Galiza, o equipo que fai política en A fronte ás políticas en B do Partido Popular, dos sobres en B, das portas xiratorias e tamén das amizades perigosas", subliñou.

Comentarios