Pontón ve claves os escanos que o BNG lle disputa a PP e Ciudadanos en todas as provincias

A candidata do Bloque pediu o apoio para a fronte nacionalista como garantía dun cambio político que “se faga en clave de país” ante o momento crítico que vive Galiza. Sinalou como fundamental un maior autogoberno para "ter poder político real para decidir sobre os nosos asuntos”.

 

Pontón durante a entrevista no 'Bos Días'
photo_camera Pontón durante a entrevista no 'Bos Días'

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, fixo un chamamento ao voto esta segunda feira porque, segundo afirmou durante unha entrevista na TVG, os escanos que os nacionalistas lle disputan a PP e Ciudadanos en todas as provincias son “a clave dun cambio político” a partir do 25 de setembro.

Pontón asegurou que ante o momento crítico que vive Galiza é preciso que ese cambio “se faga en clave de país”. A aspirante nacionalista presentou as liñas principais do programa electoral do BNG no programa 'Bos Días' da canle pública galega, onde falou de emprego, de sectores produtivos, do modelo territorial, políticas de benestar ou servizos públicos. 

“Galiza debería estar recoñecida como zona altamente dependente da pesca, isto significaría máis recursos e máis cota", sinalou Pontón. 

"Temos enxeñeiros e enxeñeiras que están producindo en Alemaña, noutros países, nós queremos que retornen. É importante o retorno desa xente que tivo que marchar, porque poderían estar creando emprego no noso país", salientou a candidata do Bloque, que engadiu como fundamental “apostar pola innovación e pola transformación dos nosos produtos” para recuperar os sectores do país. 

Nese sentido, defendeu unha Lei de contratos homologados para ter prezos xustos no lácteo e unha ampliación das cotas pesqueiras. “Galiza debería estar recoñecida como zona altamente dependente da pesca a nivel europeo, isto significaría máis recursos e máis acceso á cota", apuntou. 

A candidata do BNG insistiu na necesidade dun maior autogoberno "fundamental ter un poder político real para decidir sobre os nosos asuntos", entre outras medidas, coa creación dunha facenda galega e dunha banca pública para que “os aforros dos galegos se reinvistan” en Galiza.

Reclama que Inditex e Citroën tributen na Galiza

A mesma mañá da segunda feira, Pontón visitou a planta viguesa de PSA Peugeot Citroën para manter un encontro con responsables sindicais da factoría e das empresas auxiliares. Alí a candidata nacionalista asegurou que resulta imprescindible “frear os procesos de deslocalización de empresas” e reclamou que compañías como Inditex ou a propia Citroën tributen no país. Ademais, recordou que “o balance de Feijóo pode resumirse en 30.000 empregos menos no sector industrial” e chamou a apostar este 25S por poñer fin a esa Galiza precaria, de baixos salarios e recortes dos dereitos laborais”.

Encontro sobre precariedade en Bruxelas

Pontón viaxará esta terza feira a Bruxelas para manter un encontro coa comisaria europea de Asuntos Sociais, Marianne Thyssen, para abordar a situación de precariedade que viven miles de traballadores e traballadoras galegas. O encontro terá lugar na sede da Comisión Europea, organizado pola portavoz europea do BNG, Ana Miranda, e no que participarán representantes de distintos colectivos sociais e organizacións contra a pobreza do país.

Comentarios