Avance nacionalista

Pontón ve no avance do BNG a conta atrás para Feixoo

“Comezou a conta atrás para o PP” afirmou a portavoz nacional do BNG após analizar os resultados das eleccións municipais e europeas. Pontón salientou que o BNG está chamado a ser o protagonista do cambio político que augura para o país nas eleccións galegas de 2020.

Ana Pontón valora os resultados electorais do 26M
photo_camera Ana Pontón valora os resultados electorais do 26M

Após a análise dos resultados do 26M, Ana Pontón anunciou o inicio na Galiza dun cambio de ciclo político protagonizado polo avance do BNG e polo retroceso do PP. Nese sentido, a portavoz nacional do BNG anunciou que a formación política que lidera ten un claro rumbo marcado co obxectivo de “abrir un tempo novo que deixe atrás un decenio nefasto para Galiza co empeoramento das condicións de vida e dos servizos públicos polas políticas do Partido Popular”. Así mesmo, Pontón amosouse segura de que xa se iniciou a conta atrás para o PP e para Feixoo que culminará nas eleccións galegas a celebrar en 2020.

Pontón puxo en valor a suba experimentada polo BNG nas pasadas eleccións xerais do 28 de abril e do 26 de maio

Pontón puxo en valor a suba experimentada polo Bloque Nacionalista Galego nas pasadas eleccións xerais do 28 de abril cando duplicou os seus votos, tamén salientou o resultado das europeas onde volveu duplicar os seus apoios de 2014, e en canto ás municipais celebrou a suba en apoios xeneralizada e máis en todas as cidades. De feito, nas urbes incluso recuperou a presenza naquelas onde desaparecera en 2015 (Vigo e Ourense). Ese cambio de ciclo que prognostica a portavoz nacional en base ao aumento de apoio do BNG vai parello tamén cos resultado obtidos polo PP nestes mesmo comicios, cunhas xerais nas que por primeira vez deixou de ser a forza máis votada e xunto co “duro revés” nas europeas e municipais.

Os resultados

Quixo salientar a portavoz nacional do BNG datos que amosan a suba do Bloque, entre eles os logrados nas europeas pasando de 80.394 votos no ano 2014 a 171.580 en 2019. En relación ás municipais destacou o incremento nas cidades dun 22% así como o aumento do número de concelleiros e concelleiras nun 31,6%. Sobre as cidades Pontón afirmou que “o BNG segue liderando Pontevedra, entrou en Vigo e Ourense, aumentou os votos en Santiago de Compostela e será forza decisiva nos gobernos de Ferrol e Lugo, onde o BNG pasou de 2 a 5 actas. Será  tamén clave na Deputación de Lugo”, afirmou.

O Bloque faise así con 14 maiorías absolutas

O Bloque faise así con 14 maiorías absolutas, salientou Pontón, e “aumenta a súa presenza en cogobernos municipais, representando un freo ao PP en moitos concellos”.

Da mesma maneira que fixo na noite electoral, a portavoz nacional da fronte  agradeceu a todas as persoas que depositaron a súa confianza no BNG e avanzou que o obxectivo agora é “ensanchar ese caudal de ilusión e esperanza” para que o medre continúe. Tamén tivo palabras de afecto para a afiliación e simpatizantes e membros das candidaturas polo seu “inmenso traballo” e volveu a “tender a man” a todas aqueles e aquelas  que desexen sumarse ao proxecto común do nacionalismo que representa o BNG”, concluiu.

Máis en POLÍTICA
Comentarios