Pontón valora o 12X como "un paso máis" para que o BNG sexa "forza hexemónica" e "de cambio" en 2024

A lider nacionalista valorou os resultados das pasadas eleccións no Consello Nacional que tivo lugar en Compostela.
Ana Pontón no Consello Nacional do BNG (Mauro Bastón/ Europa Press)
photo_camera Ana Pontón no Consello Nacional do BNG (Mauro Bastón/ Europa Press)

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, considera que o resultado logrado nas eleccións galegas do pasado domingo, nas que os nacionalistas triplicaron a súa representación no Parlamento, é "un paso máis" cara o obxectivo de ser a "forza hexemónica" e liderar "o cambio" na Xunta en 2024.

Na súa intervención diante o Consello Nacional -máximo órgano do partido- este sábado, Pontón admitiu que os comicios do 12X non conseguiron acabar cos 11 anos do PP á fronte do Goberno galego, mais valorou que o Bloque alcanzou "un resultado histórico" con 19 deputadas e deputados no Pazo do Hórreo.

"Isto significa máis que triplicar a representación e votos, e unha crecida nunca antes vivida na historia política da Galiza", explicou, polo que esta forza nacionalista márcase o obxectivo de "liderar un cambio galego e de futuro, dirixido ás maiorías".

Case unha semana despois dos comicios, Pontón prometeu que a formación traballará "con responsabilidade, con humildade, sabendo que as expectativas que hai en torno ao BNG son moi importantes".

Comentarios