mércores 08/12/21

Pontón urxe reunir industria e gandeiros ante a crise láctea

O BNG exixe á Xunta que vele para que non se empregue o leite como reclamo nas cadeas de distribución tirando os prezos.
Ana Pontón, onte, nunha explotación leiteira en Sarria (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón, esta quinta feira, nunha explotación leiteira en Sarria (Foto: Nós Diario)

Sarria, concello natal da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acolleu o seu primeiro acto após ser reelixida como líder do Bloque o pasado domingo. Pontón desprazouse a unha explotación láctea nun momento de caída dos prezos do leite que, ademais, coincide cun incremento dos custos de produción, tanto pola suba da luz como de materias primas e alimentarias básicas, pondo en risco o sector.

A nacionalista identificou tres ameazas para a viabilidade das explotacións: os baixos prezos que a industria está pagando ás gandeiras e gandeiros, o incremento dos custos de produción e a práctica das cadeas de distribución de vender a perdas utilizando o leite como reclamo.

“Estas ameazas son unha tormenta perfecta que pon en apuros moitas explotacións lácteas”, indicou. Ante esta situación, destacou, a Xunta "non pode mirar para outro lado e debe achegar solucións" e, nese sentido, avanzou catro propostas en defensa do sector.

Pontón urxe a “transparentar” os prezos do leite e garantir que non estean por baixo do que custa producir

A primeira pasa por convocar industria e produtores, “sentalos na mesma mesa” e conducir a negociación que permita pór fin a caída de prezos, “porque non pode ser que teñamos o mellor leite do Estado, pero cos prezos máis baixos”, alegou. Para iso, urxiu a “transparentar” os prezos do leite e garantir que non estean por baixo do que custa producir

En segundo lugar, demandou á Xunta que actúe sobre as cadeas de distribución alimentaria e faga cumprir a lei que impide usar o leite como produto reclamo tirando prezos. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O BNG tamén aposta pola mobilización de terras para ampliar a superficie das explotacións agrogandeiras e fixa como obxectivo mover 100.000 hectáreas de superficie agraria útil de aquí a 2030, o que tamén permitiría que o sector tivese máis axudas da PAC, pois o factor da extensión xoga a favor.

Finalmente, Pontón puxo o foco en mellorar a competitividade das explotacións coa  investigación e a eficiencia enerxética.

Pontón urxe reunir industria e gandeiros ante a crise láctea
comentarios