Pontón urxe a que os proxectos para Lugo se fagan realidade

"A chegada do BNG ao Concello puxo Lugo no mapa", dixo a líder nacionalista, Ana Pontón, na cidade amurallada xunto ao tenenete de alcalde. 
Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo; Ana Pontón, portavoz do BNG, e a deputada Olall Rodil
photo_camera Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo; Ana Pontón, portavoz do BNG, e a deputada Olall Rodil

No marco da celebración dun 'atípico' San Froilán a causa da Covid-19 a portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e líder da oposición na Galiza, Ana Pontón, visitou a cidade de Lugo. A nacionalista congratulouse de que o Concello apostase este ano pola “seguridade e a saúde” da cidadanía.

Sobre a importancia de manter a prevención por mor da pandemia, Pontón considerou “escandaloso que sigan a existir contaxios nas residencias de maiores do noso país sen que o Goberno galego tome as medidas necesarias para blindar a saúde e as vidas das persoas.”

Pontón engadiu que seis meses despois do inicio da pandemia, e vivindo en medio dela, a Xunta continúa a improvisar e a "actuar sen contundencia". Acompañada polo tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo (BNG), e pola viceportavoz do Bloque no Parlamento, Olalla Rodil, Pontón urxiu a "situar Lugo no mapa das inversións en infraestruturas e do futuro e a ter unha perspectiva de a cara onde ten que camiñar esta cidade e cal debe ser a implicación da Xunta”.

A nacionalista adiantou que nos orzamentos que se están a elaborar por parte do Goberno galego "imos defender que as cuestións que afectan a Lugo teñan a consideración suficiente para que os proxectos pasen do papel aos feitos” e concretou, entre outros, a Ronda Leste, o Cuartel de San Fernando ou o Barrio da Tinería.

Tampouco esqueceu as inversións pendentes que atinxen o Estado como o remate da autovía Lugo-Santiago e a modernización do ferrocarril. É imprescindíbel, concluíu, “facer fronte común para que a autovía e o tren cheguen a Lugo.”

Pontón apelou a potenciar a innovación como "un dos eixos do desenvolvemento”, puxo en valor o campus universitario lugués e apostou por situar a cidade como "referente en materia de biodiversidade, desenvolvemento rural e cambio climático”.

Comentarios